Deputación de Lugo

O Presidente reivindica o traballo da Deputación para os Concellos no ciclo económico actual

Gómez Besteiro anunciou que, segundo o Plan Económico Financieiro da Deputación, o Orzamento consolidado de 2009 sumará 140 millóns de euros

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu este martes no Parlamento de Galicia xunto co resto de Presidentes das institucións provinciais galegas. Gómez Besteiro comezou a súa intervención reivindicando o papel da Deputación nun ciclo económico como este, ofrecendo uns servizos mancomunados ós Concellos da provincia, que doutro xeito non poderían afrontar. A utilidade da Institución foi xustificada detalladamente polo mandatario provincial, quen deu conta do esforzo económico da Deputación e do Plan Económico Financieiro, que marcarán o novo Orzamento provincial consolidado, que rondará os 140 millóns de euros. O exemplo de responsabilidade que deu a Deputación de Lugo aprobando un Plan Económico Financiero no mes de xullo non é menor, fomos a primeira Deputación galega que deseñou este Plan que se axusta ó ciclo económico que estamos a vivir”. Gómez Besteiro matizou, ademais, que o novo Orzamento xira en torno a dúas liñas de actuación: Cooperación cos Concellos e colaboración coa Xunta de Galicia, o que permitirá “que terminemos de desbloquear a transferencia dos hospitais ó SERGAS, rematar coa creación da rede provincial de parques de bombeiros de xeito que estará operativa en 2009, crear solo industrial a través de SUPLUSA sendo complementarios a Xestur e realizar investimentos na rede viaria provincial”. O responsable provincial relatou como se está a desenvolver o Plan que vai marcar a política de actuación nos próximos 4 anos. As grandes liñas a seguir son as seguintes: a) Rede provincial de parques de bombeiros, cun orzamento inicial para a súa construción e posta en marcha de 9 millóns de euros e preto de 4 millóns de euros para o mantemento anual, e financiado ó 100% pola Deputación e a Consellería de Presidencia. A este respecto, o máximo mandatario provincial destacou a confianza coa que están a traballar as dúas administracións, de xeito que xa se avanzaron notables pasos -contratación de obras, motobombas, etc- cando está a piques de asinarse o Consorcio Provincial de Bombeiros. Asimesmo, subraiou que “os Concellos tamén gañan, xa que cos anteriores gobernos e a antiga Lei de Emerxencias, a Deputación só asumía o 30% dos custes e cargaba o outro 20% ós municipios correspondentes”. b) Pago da débeda hidroeléctrica: a institución provincial investirá preto de 5 millóns de euros en Chantada no periodo 2008-2010 e 6 millóns no resto dos Concellos afectados polo canon hidroeléctrico, en total 16. “A Deputación non só se limita a cumprir co municipio chantadino donde existe unha sentenza senón que tamén o fará co resto dos Concellos afectados”. c) Transferencia de hospitais. Neste senso, Gómez Besteiro explicou que a Deputación xa chegou a un acordo con éxito cos traballadores da Deputación e estase a traballar coa Consellería de Sanidade para afrontar o proceso. A este respecto o titular provincial indicou: teño toda a confianza de que ademais todo este proceso se vai pechar moi ben e con resultados positivos para todos. d) Outras medidas de cooperación cos Concellos. O responsable provincial destacou as novas bases de delegación en materia de recadación de tributos a favor das administracións locais. Con esta modificación, que se aplicará o ano que vén, rebaixarase un punto máis a taxa pola xestión desta servizo, ata acadar o 3%, o que supón a metade da porcentaxe que se cobraba co anterior goberno. “Isto permitirá que estes Concellos, en total 45, ingresen 450.000 euros que deixará de cobrar a Deputación”. Máis medidas de colaboración e cooperación O Presidente da Deputación luguesa aproveitou a ocasión para facer un repaso dos proxectos que permitirán incentivar a economía da provincia. É o caso do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial, dotado con 700.000 euros e os programas para lucenses residentes no exterior. Asimesmo, tamén destacou que en 2009 crearase un Centro de recría na Granxa Gayoso Castro, dotado con 4 millóns de euros, e deu conta do programa de visitas institucionais á Deputación e á provincia Km0, un programa pioneiro pioneiro en España que tamén contribúe a dinamizar a economía local. Gómez Besteiro explicou, ademais, que a novas políticas da Deputación posibilitaron a consecución de catro proxectos europeos que suman máis de 36 millóns de euros. Deste xeito, lembrou o Innova-TE e LugO2. Neste senso, tamén destacou o Plan Urban, un dos poucos respaldados por unha Deputación e un Concello, presupostado en 16 millóns de euros. Preguntas asistentes Ante as preguntas dos asistentes, relatou o programa da viaxe institucional que realizou no mes de setembro a Uruguay, Arxentina e Venezuela, unha intensa semana na que participou en 40 actos. Gómez Besteiro, a diferencia doutros Presidentes, explicou os acordos conqueridos sempre dentro do marco institucional e nunca en actos partidistas. Á xestión do Presidente da Deputación referiuse o voceiro do PSOE no Parlamento, Ismael Rego, concluíndo vostede supuxo unha bocanada de aire fresco en San Marcos e sen adicarse a axustar contas co pasado. Para rematar, o máximo mandatario provincial anunciou o encontro da Comisión de Deputacións da FEMP en Lugo o vindeiro venres. Trátase da primeira xuntanza que organiza a Federación fóra da cidade de Madrid neste mandato.