A Deputación e o Ministerio de Fomento acordan melloras na estrada provincial que atravesa unha ponte da A-8 en Corbelle
Manuel Martínez amosou a súa satisfacción por este acordo que beneficia ós veciños da zona A Deputación e o Ministerio de Fomento acordan varias melloras na estrada provincial que atravesa unha ponte da A-8 que se está a construír ó seu paso pola parroquia vilalbesa de Corbelle. O Deputado da Área de Infraestruturas, Manuel Martínez, acompañado por técnicos da Deputación e do Ministerio, visitou esta mañá as obras da autovía que afectan á CP-6505 no punto quilométrico 0,400. A empresa construtora restituirá a rasante da estrada provincial, mellorará o sistema de drenaxe e asfaltará con aglomerado en quente un treito de 400 metros. Martínez amosou a súa satisfacción pola boa disposición do Ministerio que permite compaxinar os intereses das dúas administracións e que, sobre todo, beneficia ós veciños, que é o noso principal obxectivo. O proxecto inicial prevía un gálibo de 5,30 metros. Para conseguir esta altura entre a vía provincial e a ponte, a constructora rebaixou nuns 50 centímetros a rasante da estrada, o que podería provocar problemas de asolagamento en época de chuvia. Tralas negociacións mantidas entre os responsables da Deputación e do Ministerio de Fomento, acordouse devolver a rasante á súa situación inicial, co que a altura da ponte será de 4,80 metros. Neste senso, Manuel Martínez lembrou que ata o ano 2000 o gálibo que se esixía nas estradas nacionais era de 4,50 metros. De todos os xeitos, no caso de que teña que pasar un vehículo especial e de dimensións extraordinarias, dispoñemos dunha alternativa por outra vía provincial, de Foxas a Canteirada, que pasa a dous quilómetros de aquí. A empresa recheará provisionalmente con zahorra a zona rebaixada e cando se relicen as obras de asfaltado na autovía, botará unha capa de aglomerado en quente nun treito de 400 metros, desde este punto ata o inicio da estrada provincial no seu enlace coa N-634. Manuel Martínez anunciou que a Deputación acometerá a mellora do resto da vía ata Corbelle cando estean rematados os traballos da A-8. O Ministerio de Fomento tamén rozará as cunetas e ampliará a actual taxea que encauza un regato, o que permitirá unha mellor capacidade de desaugue e se reducirá notablemente a posibilidade de que haxa asolagamentos en épocas de chuvia.