Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que a semana que vén comezan as reunións das mesas do Plan Estratéxico

O Presidente da Deputación clausurará Expomar 2009, que se celebrará en Burela do 21 ó 24 de maio

O Alcalde de Burela avanzou que na feira participarán 90 expositores e 300 firmas en 3.500 metros cadrados O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este mércores que a semana que vén comezarán as reunións das mesas sectoriais do Plan Estratéxico provincial. Gómez Besteiro fixo este anuncio durante a presentación da décimoterceira Feira monográfica Náutico-Pesqueira, Expomar, que se celebrará en Burela entre os días 21 e 24 de maio. O titular provincial, que será o encargado de clausurar o encontro, dixo que “o mundo do mar terá unha mesa específica, xa que o sector pesqueiro e marisqueiro, xunto co agrogandeiro, é un dos piares da economía da nosa provincia”. Segundo os datos aportados por Gómez Besteiro, en 2008 as lonxas da provincia descargaron 38.375 toneladas de peixe e facturaron preto de cen millóns de euros. Na presentación da Feira, Gómez Besteiro estivo acompañado pola Vicepresidente Segunda, Lara Méndez, o presidente da Fundación Expomar e Alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a Concelleira do Mar de Burela, Remedios López Villar. “Expomar é todo un clásico, con moitos anos de historia, e convertirá a Burela durante eses días, non só na capital náutico-pesqueira da provincia, senón de toda España”, apuntou o titular provincial. Preto dun cento de expositores Pola súa banda, o Alcalde de Burela subliñou a importancia deste encontro “polo grande peso económico que ten o sector pesqueiro en Burela, un Concello que é un exemplo de convivencia, xa que entre os seus 12.000 habitantes hai 35 comunidades diferentes”. Avanzou que “nesta edición haberá 90 expositores dunhas 300 firmas, que ocuparán a totalidade dos 3.500 metros cadrados do recinto feiral”. A Concelleira do Mar de Burela dixo que Expomar “celebrarase na nova nave de redes do recinto portuario de Burela, unha instalación recentemente inaugurada e que pertence á Confraría de Pescadores. O recinto ten unha extensión de 3.500 metros cadrados”. O horario de apertura ó público será de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30. Incluirá o décimo encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores, entre os que haberá representantes de diversos puntos da costa española. Polo que se refire ás xornadas técnicas, abordarase a cadea de comercialización do sector pesqueiro o relevo xeracional. En canto a outras actividades paralela á mostra, amosarase a exposición de fotografía “Galicia e Euskadi, unidas pola mar” de Julio Ruiz de Velasco; haberá bautismos de mar levados a cabo polas embarcacións pertencentes a diferentes administracións convidadas durante os días de celebración da feira; e realizaranse visitas guiadas ó Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen.