Deputación de Lugo

O II Criterium Aeronáutico-Galicia reunirá no aeródromo de Rozas a preto de 2.500 persoas

O II Criterium Aeronáutico-Galicia reunirá no aeródromo de Rozas a preto de 2.500 persoas

O Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Castro de Rei, Xoán Xosé Díaz Valiño, o Presidente do Real Aeroclub, Luis Abelleira, e o Concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, presentaron esta mañá o II Criterium Aeronáutico-Galicia. Este evento, organizado polo Aeroclub, celebrarase entre os días 26 e 29 de xullo no Aeródromo de Rozas e achegará a preto de 2.500 persoas a Lugo, unha promoción que será importante para a provincia e ademais froito da colaboración entre os concellos e a Deputación, como subliñou o Presidente. O programa de actividades desta segunda edición do Criterium Aeronáutico-Galicia coincide coa XXIV Volta Aérea Galaico-Duriense e a exhibición de saltos da Patrulla Acrobática Paracaídista do Exército do Aire (PAPEA). Ofrecerá unha completa programación de actividades alternativas para afeccionados e público en xeral como: bautismos aéreos, mostras de voos acrobáticos, de planeadores e ultralixeiros, aeromodelismo, etc. O II Criterium Aeronáutico-Galicia contará coa participación de 14 avións e constará de 3 etapas que vincularán Galicia e Portugal a través dos voos programados.