Deputación de Lugo

Os veciños de Foz contan con 850.000 euros da Deputación para infraestruturas, emprego e servizos sociais

- O Presidente e o Alcalde asinaron o convenio a través do cal o organismo provincial achega 700.000 euros para humanizar e reordenar o tráfico na céntrica Avenida Álvaro Cunqueiro en beneficio, especialmente, dos establecementos comerciais da zona - Máis en infraestruturas: 45.600 euros para mellorar vías en San Acisclo e Vilaronte; 19.200 para instalacións de aforro enerxético e 3.800 para Tics - Xeración e impulso do emprego: 37.000 euros para a contratación de traballadores co DEPUEMPREGO  e 10.000 para a Travesía da Ría de Foz e a Festa do Berberecho - A Deputación reforza en Foz o Servizo a Domicilio con 19.300 euros para gastos de persoal ou de funcionamento desta prestación social para coidado dos maiores

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este mércores en Foz o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este municipio, dotado de case 850.000 euros. Fíxoo nunha visita institucional, que arrancou cunha recepción no Consistorio por parte do Alcalde, Javier Castiñeira, e outros membros da Corporación Municipal, na que o Presidente asinou no Libro de Ouro do Concello.

“Hoxe presento en Foz un importante investimento da Deputación para responder ás primeiras necesidades dos case 10.000 focenses: xerar emprego, potenciar os servizos sociais e mellorar as infraestruturas públicas. A beleza natural deste Concello mariñá, onde desemboca o río Masma e se forma a ría de Foz; a riqueza do seu mar para o turismo e o sector pesqueiro; ou os seus importantes recursos forestais, converten a Foz nun Concello cheo de oportunidades económicas. Traballemos xuntos para que as potencialidades únicas deste municipio, nas que cree este Presidente e a Deputación, redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”, apuntou.   

Os preto de 850.000 euros que a Deputación leva a Foz son para as seguintes actuacións:

- 700.000 euros para humanizar e reordenar o tráfico na Avenida Álvaro Cunqueiro. O Presidente e o Alcalde asinaron hoxe o convenio de colaboración mediante o cal a Deputación inviste 700.000 euros, en dúas anualidades de 350.000 euros, a estas actuacións. O Concello achega outros 605.000 euros. O obxectivos destes traballos é humanizar e reordenar o tráfico desta céntrica rúa, beneficiando de xeito directo aos establecementos do comercio que se sitúan na mesma, así como aos veciños en xeral.

- 45.650 euros para obras do POS 2016. É a cantidade que achega a Deputación ao arranxo de vías en San Acisclo e Vilaronte. O orzamento total destas actuacións é de 57.063, financiados nun 20% polo Concello e 80% polo organismo provincial logo de que Campos Conde decidise triplicar o investimento da institución que preside para os traballos municipais que se executan ao abeiro desta programación. Fíxoo no marco da súa aposta pola máxima cooperación cos Concellos para mellorar as prestacións públicas dos lucenses de todos os municipios da provincia.

19.216 euros do Plan de Aforro enerxético da Deputación nos Concellos. Con este investimento, o organismo provincial financia en Foz melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos. Faino para aforrar cartos ás arcas municipais ao reducir  custos correntes pola luz ou calefacción e implantar mecanismos sostibles.

- 3.843 euros para Tics. Os Concellos teñen que realizar melloras nas súas sedes electrónicas antes do 1 de outubro pola entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites cos municipios de xeito telemático. Por este motivo, a Deputación ofrece aos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas económicas, que se distribúen en base a criterios obxectivos (superficie, esforzo fiscal, densidade de poboación e unidades de poboación) para poder levalas a cabo. A cita cantidade é a que lle corresponde a Foz.

Xeración e impulso do emprego
- 37.032 euros para xerar emprego. É o investimento para Foz do DEPUEMPREGO, o Plan de Emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Con este presuposto, o organismo provincial asumirá a contratación de novo persoal neste municipio para reforzar as prestacións públicas no Concello. Este plan é unha aposta persoal do Presidente pola xeración de traballo e a máxima cooperación cos Concellos.

- 7.000 euros para a Travesía da Ría de Foz. A Deputación colabora deste xeito co Clube Kayak de Foz na organización nun dos eventos deportivos máis antigos da quenda nacional, que congrega a centos de persoas, dinamizando a economía do municipio e da Comarca en prol do emprego.

- 3.000 euros para a Festa do Berberecho. É outras das citas coa que colabora o organismo provincial dentro da súa aposta polo produtos do mar para impulsar a pesca e turismo, potenciando deste xeito o emprego e a economía. 

Servizos Sociais
- 19.314 euros para o Servizo a Domicilio. É o investimento da Deputación que lle corresponde a Foz, tendo en conta o seu índice de envellecemento, superficie, densidade de poboación e unidades de poboación. Por primeira vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos. Tamén de xeito pioneiro, o organismo provincial ofrece aos municipios un adianto do 90% e a posibilidade de poder financiarlles, ademais dos gastos de persoal, os gastos de funcionamento, axustándose ás necesidades dos usuarios de cada unha das distintas entidades locais co obxectivo de mellorar a calidade deste servizo público.