Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa USC na posta en marcha do Campus de verán en Guitiriz

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro inaugurou a iniciativa formada por tres cursos nos que se analizará a cultura e a natureza, a comunicación e o deporte, e a xestión de augas residuais nos núcleos rurais

As actividades, que contan co apoio da institución provincial a través da Fundación TIC, desenvolveranse desde o 7 ó 19 de xullo O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, da Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, do director e subdirector dos cursos, Roxelio Moreira e Javier López González, inaugurou o “Campus de Verán” que a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Fundación TIC, pon en marcha no municipio chairego. Gómez Besteiro destacou que “a Deputación quixo colaborar con esta iniciativa porque permite poñer en valor a riqueza medioambiental que temos e que atopa neste Concello un dos buques insignias, xa que é un dos municipios da provincia que máis aposta polo medio ambiente e pola sostibilidade. Proba diso é que Guitiriz foi declarado en 2006 pola Xunta de Galicia núcleo de sostibilidade. A Alcaldesa soubo entender cal é o punto de distinción deste municipio”. Os cursos desenvolveranse desde o 7 ó 19 de xullo na Casa Habanera de Guitiriz. O primeiro, “cultura e paisaxe, celebrarase ata o día 10 e dispón de 20 horas de formación. O de “xestión das augas residuais no ámbito rural” conta con 20 horas lectivas e desenvolverase os días 13, 14 e 15. Finalmente, terá lugar o de “comunicación e deporte”, que se celebrará desde o 17 ó 19 de xullo. A Deputación colabora a través da Fundación TIC na realización dos cursos “porque consideramos que unha das funcións da Fundación é exportar esa imaxe de provincia medioambiental ó tempo que se presta apoio na xeración de contidos que faciliten ós Concellos afrontar os novos retos. A realización deste curso é un exemplo desta cooperación”. O titular provincial tamén destacou o emprazamento das actividades, “xa que non podían celebrarse noutro Concello que non fose este. Responden ó compromiso da súa Alcaldesa e ó seu empeño por ofrecer servizos de calidade ós seus veciños e veciñas. Proba disto, é a calidade dos ponentes que participarán nesta iniciativa, na que se debaterá a relación entre a cultura e a paisaxe e a comunicación e o deporte, ademais da xestión de augas residuais no ámbito rural”. Ademais das ponencias, o cursos compleméntanse con actividades máis lúdicas como o teatro, a danza, e actuacións musicais. Os alumnos da USC recibirán un crédito de libre configuración pola súa asistencia.