Gómez Besteiro e Lara Méndez participan na VII Festa do Berberecho de Foz
O titular provincial subliña que a potenciación de eventos como a festa do berberecho é a nosa obriga, xa que isto tamén é colaborar cos Concellos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participaron este sábado na sétima edición da festa do berberecho, que se desenvolve ata mañá domingo no Concello de Foz, e coa que colabora a instititución provincial, a través do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Gómez Besteiro destacou que a Deputación sempre colaborará con iniciativas coma esta. A potenciación de eventos como a festa do berberecho é a nosa obriga, xa que isto tamén é colaborar cos Concellos. Neste senso, indicou que a riqueza da nosa costa fai que teñamos produtos de altísima calidade coma este. Non hai que esquecer que durante décadas esta ría foi a maior produtora deste bivalvo de España. Por este motivo, dende o INLUDES e a Deputación quixemos estar hoxe presentes. É necesario que entre todos promocionemos produtos como o berberecho que supoñen a base da economía da provincia. A cita gastronómica deu comezo ás 9 da mañá coa apertura do mercado. Ás 11:00 horas as autoridades, entre as que se atopaba o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, foron recibidas na Casa do Concello. Acto seguido, participaron na ofrenda floral ós náufragos no paseo do Laredo. Ás 12:30 horas tivo lugar un dos actos centrais do día, no que o rexidor cántabro procedeu á lectura do pregón, coa que se deu paso á degustación do produto mariño. O ir e vir de xente foi unha constante durante toda a mañá. En total, a organización agarda que unhas 5.000 persoas visitarán a vila esta fin de semana e degustarán uns 7.000 quilos deste bivalvo mariño que é preparado pola empresa de catering Fabimar. As racións sériense en empanada, ó vapor, e nas salsas verde, provenzal e mariñeira. Durante o domingo, o berberecho poderá degustarse en tortilla nos distintos bares da localidade mariñana. O organismo provincial promociona os produtos autóctonos da provincia, contribuíndo a manter moitos postos de traballo, ben a través das subvencións directas do INLUDES, ben a través das axudas ós autónomos que traballan na produción de produtos ou a través da campaña Lugo Sabe, que inclúe a distribución de 14.000 lotes de productos autóctonos. O evento estivo amenizado por distintas agrupacións musicais.