Deputación de Lugo

O Concello de Castro de Rei aprobará mañá o proxecto do Centro de Recría

Imaxe deputación de lugo
A entidade local actuou coa máxima celeridade e, logo da exposición pública, o documento remitirase á Xunta para que conceda os permisos de obra necesarios

O Alcalde destaca que “é un investimento moi importante que a institución provincial realiza neste municipio e que servirá para apoiar a un sector que é bandeira en Castro de Rei e en toda a comarca” Dentro do obxectivo estratéxico de fortalecer o sector agrogandeiro, o Orzamento de 2010 da Deputación contempla a construción desta infraestrutura O Concello de Castro de Rei aprobará mañá mércores en Xunta de Goberno o proxecto do Centro de Recría que a Deputación construirá en 2010 na Granxa Gayoso-Castro. O Alcalde deste municipio, que ademais é o Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, realizaba este anuncio no transcurso dunha rolda de prensa, na que destacou que “é un investimento moi importante que a Deputación realiza neste Concello e que servirá para apoiar a un sector que é bandeira en Castro de Rei e en toda a comarca. Ademais, contribuirá a crear novos postos de traballo, xa que recolle o sentir dos gandeiros e devolverá a confianza a un sector moi perxudicado pola crise”. O Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, cumplía coa súa palabra hai unhas semanas cando lle facía entrega do documento ó Concello para que a entidade municipal realizase os trámites necesarios. A entidade local deulle a máxima urxencia, polo que unha vez que sexa aprobado e exposto ó público, remitirase á Xunta de Galicia para que o departamento de urbanismo conceda os permisos necesarios, e así a Deputación estará en condicións de iniciar as obras. Díaz Valiño, que lembrou que o Concello de Castro de Rei conta con preto de 18.000 cabezas de gando bovino, pertencentes ás 522 explotacións rexistradas, subliñou que “o Centro de Recría é unha reivindicación dos gandeiros, xa que lles evita ter que recriar fóra, aforrándolles o gasto do transporte. Gustaríame agradecer á Deputación que nas instalacións deste Concello se faga o primeiro Centro de Recría público de España.” Precisamente, Gómez Besteiro, solicitara a implicación do Presidente da Xunta neste proxecto na reunión mantida o 20 de novembro co titular autonómico. Asimesmo, o máximo mandatario provincial destacaba onte durante a presentación do Orzamento de 2010 que un dos obxectivos estratéxicos do Presuposto é fortalecer o sector agrogandeiro coa contrución desta infraestrutura, ó tempo que ratificaba o seu compromiso co pacto polo campo, e que o Centro se vai facer sí ou sí. Ocupará unha superficie superior a 7 hectáreas, uns 5 campos de fútbol, dos que 68.000 metros cadrados serán de nova urbanización, que se unirán ós 4.000 existentes. O presuposto adicado para estas actuacións ascende a máis de 10 millóns de euros. Na actualidade, a Comunidade conta con 14 pequenos centros con capacidade para atender a unhas 1.000 cabezas, e só na provincia de Lugo se crían arredor de 80.000 novillas. Ante esta situación, os gandeiros envían os animais fóra de Galicia, concretamente a Zaragoza, onde se recrían unhas 4.000 novillas, o que supón un volume de negocio duns 8 millóns de euros. Congreso Europeo de Mercados Grazas á xestión realizada por Díaz Valiño, que dende setembro ocupa a presidencia da Asociación Española de Mercados, Castro de Rei será en 2011 a sede do Congreso Europeo de Mercados Gandeiros. O rexedor municipal destacou que “tanto o Centro de Recría como o Congreso son dúas iniciativas que permitirán situar a Castro no mapa gandeiro español”. En 2009 o encontro celebrouse en Irlanda, en 2010 en Escocia e en 2011 dentro de España, o lugar elexido será o municipio chairego. O evento celebrarase na primavera dese ano e contará con máis de 200 persoas de toda Europa vinculadas ó sector gandeiro. A proposta de que este municipio acolla o encontro foi analizada na reunión que a asamblea nacional celebrou o pasado 12 de decembro en Castro Riberas de Lea, coa asistencia de case todos os Concellos que integran este foro.