Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura na Capela de Santa María a mostra La Barba del Vecino

Imaxe deputación de lugo
Iago Eireos expón 68 cadros nos que combina pintura e fotografía para transmitir a indiferencia social

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurou este xoves La Barba del Vecino, a nova mostra que organiza o Centro de Artesanía e Deseño dependente do organismo provincial, e que acolle a Capela de Santa María. Gómez Besteiro salientou que “a Deputación quere con esta exposición impulsar e promocionar o traballo dos artistas lucenses”. Iago Eireos, un mozo de Lugo, é o autor das 68 obras expostas. Por un lado, 56 pezas compoñen La Barba del Vecino, unha obra que versa sobre a indiferencia social e que dá nome a esta mostra. Iago Eireos presenta rostros desfigurados combinando a fotografía e a pintura, unha técnica moi particular na que primeiro se dá cor aos lienzos, para logo superpoñer imaxes empregando os negativos das fotos. A Capela de Santa María acolle ademais outras 12 pezas deste pintor e fotógrato. Entre elas, hai catro obras de 180x180, e 2x2 metros: “Mujer sapo”, “Giocondo”, “Soy gitano”, “Perro Verde”. Trátanse de retratos de recoñecidas persoas que viven nas rúas das principais cidades galegas, coas que Iago Eireos tenta falar do desarraigo social. O titular do organismo provincial subliñou que “estamos perante unha obra innovadora e de calidade, exemplo de que en Lugo temos grandes artistas aos que debemos apoiar”. Neste senso, convidou a todos os veciños a visitar a Capela e ver La Barba del Vecino. Ao acto de inauguración acudiron deceas de persoas, entre elas, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e o Comisario Xefe lugués, Maximino Losada. Da mesma forma, artistas da provincia acompañaron a Iago Eireos, e amenizaron a xornada cun espectáculo de música e poesía. Horario de apertura La Barba del Vecino poderá visitarse dende este xoves e ata o 31 de xaneiro na Capela de Santa María. O horario de apertura é o seguinte: - De 12:00 horas a 14:00 horas pola mañá - De 18:00 horas a 21:00 horas pola tarde - De 18:00 horas a 21:00 horas as fins de semana - Pechado o 24, 25 e 31 de decembro, e 1,5,6 de xaneiro