Deputación de Lugo

Arranca Km0 Xtreme cunha viaxe en helicóptero na Mariña

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación inaugurou en Ribadeo o programa pioneiro en España que pon en valor as Reserva da Biosfera a través do deporte e da multiaventura

600 persoas formalizaron a inscrición para participar na modalidade Xtreme que inclúe 14 rutas, das que 10 son de balde, e 10.000 xa teñen ruta asignada no Km0 tradicional Gómez Besteiro visitou oficialmente o Concello de Ribadeo e anunciou que a Deputación acondicionará en 2 meses a CP 0610 que dá acceso á praia das Catedrais O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este martes en Ribadeo o programa pioneiro en España Km0 Xtreme. Gómez Besteiro participou, xunto cun grupo de solicitantes individuais, na primeira viaxe en helicóptero, incluída dentro desta iniciativa coa que o organismo provincial pretende impulsar as Reservas da Biosfera a través do deporte e da multiaventura. Este innovador programa Xtreme, que inclúe 14 rutas -10 delas de balde-, comeza esta semana con tres rutas en helicóptero nas que participarán 120 persoas. A primeira delas foi hoxe na localidade ribadense e na que participaron 24 persoas procedentes de diversos puntos da provincia, ademais do titular provincial. O helicóptero, cuxa empresa ten a súa razón social na localidade mariñana, saíu do aeródromo de Villaframil e sobrevoou a ría durante 15 minutos. Gómez Besteiro destacou que “como queremos ser aínda máis innovadores e porque temos unha provincia cunha riqueza medioambiental única en España que se pode traducir en negocio, poñemos en contacto ós participantes con empresas que desenvolven a súa actividade na provincia. É o caso desta empresa coa que concertamos as viaxes en helicóptero. En definitiva, Km0 Xtreme é unha extraordinaria oportunidade que combina ecoturismo, medioambiente e deporte, pero tamén contribúe a impulsar a economía de Lugo”. O mércores realizarase a ruta “Lugo Centro”. Neste caso, o helicóptero despegará dos Robles e sobrevoará o caso histórico da capital luguesa. Nesta ocasión participarán 48 persoas, que son os 24 gañadores do sorteo celebrado durante o Arde Lucus. O xoves Km0 trasladarase á Ribeira Sacra. O helicóptero partirá da Pobra de Brollón e o titular provincial, xunto cun grupo de 48 persoas, disfrutará das impresionantes vistas que ofrece esta zona da provincia. O prezo desta actividade é de 50 euros por participante. Dentro de Km0 Xtreme unhas 600 persoas xa realizaron as súas solicitudes e teñen asignada unha ruta. As opcións máis demandadas seguen a ser, ademais da viaxe en helicóptero, Lugo Submarino, a Cabalo, Móllate! e Multiaventura. Km0 Xtreme forma parte da segunda etapa do programa Km0 iniciado o 1 de setembro e inclúe multiaventura e actividade física para coñecer Lugo. Nesta segunda etapa, a Deputación da un salto cualitativo e cuantitativo ó pasar de 88 rutas a 135 co obxectivo de reactivar a economía local. A segunda etapa rematará en xuño de 2010 e 10.000 persoas xa formalizaron a súa inscrición. Está cuberto ata mediados do mes de maio e cando remate a segunda fase chegarase ós 22.000 amigos de Km0. Km0, incluído dentro do proxecto Lug02, conta cun presuposto de 600.000 euros anuais, cofinanciados ó 70% con fondos FEDER. Para apuntarse, hai que entrar na web: www.km0.deputacionlugo.org, descargar a folla de inscrición que se atopa no apartado de “Contacto e inscrición”, cubrila e enviala ó enderezo electrónico km0@deputacionlugo.org, por fax ó 982 26 01 70, ou por correo ordinario ó Servizo de Protocolo (rúa San Marcos 8, 27001 Lugo). Compromisos con Ribadeo Previamente, o titular provincial foi recibido polo Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e polos membros da Corporación municipal na Casa do Concello. Gómez Besteiro asinou no Libro de Ouro e mantivo unha reunión privada co rexedor municipal, onde atendeu ás peticións realizadas por Suárez Barcia. Neste senso, o máximo mandatario provincial anunciou que en 2 meses estará rematado o proxecto de acondicionamento da estrada provincial CP 0610, que vai de Altar por Reinante ós Castros, e que é un dos accesos á praia das Castedrais. Os traballos de mellora afectan o treito que vai do punto quilométrico 10,019 ó 11,419. A esta actuación a Deputación destinará preto de 500.000 euros. Gómez Besteiro manifestou públicamente este compromiso e trasladoulle ó Alcalde e ós membros da Corporación municipal o compromiso de executar canto antes esta obra “que para min é prioritaria. Nos próximos dous meses terás un proxecto enriba da mesa para contratar as obras canto antes. Todo o ano hai xente nas Castedrais, pero temos que prepararnos para o verán que aínda é máis forte. A praia é o segundo punto turísitico máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago. Hoxe as Catedrais son de Ribadeo, pero tamén son de todos. Hai que implicarse”. Pola súa banda, Suárez Barcia agradeceu “a empatía e cercanía do Presidente da Deputación, que é o Presidente dos Concellos” ó tempo que sinalou que “a Deputación está completando as actuacións do Concello de Ribadeo a través dos difentes Plans e do Fondo Extraordinario complementario do Plan E”. A Deputación tamén colaborará con este municipio na retirada de maleza e árbores que foron derrubadas polo furacán Klaus acontecido o pasado inverno. Deste xeito, Gómez Besteiro e Suárez Barcia quedaron en establecer un plan de coordinación e fixar un calendario de actuacións. A continuación, Gómez Besteiro e o Alcalde visitaron a Ponte de Obe, que cruza a vía do FEVE. Suárez Barcia trasladoulle ó Presidente provincial a necesidade de que o organismo provincial execute o ampliación da mesma para facilitar a circulación dos vehículos que transitan por ela. Suárez Barcia tamén lle trasladou ó Presidente a necesidade de que a Deputación acometa o vindeiro ano o repaso integral da CP 5202, que comunica Ribadeo con Piñeira, pasando por Vilaseán. O tiular provincial sinalou que “esta cuestión vaise ter en conta dentro do mantemento da rede viaria provincial para o vindeiro ano. Ademais, na Deputación estamos a apostar pola conservación das nosas estradas ás que lles aplicamos aglomerado en quente para garantir a súa durabilidade”. Outros investimentos neste Concello A Deputación tamén está a realizar outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans provinciais. É o caso do de Comunidades Veciñais, que contempla 5 obras para as que a institución provincial achegou en 2008 un total de 38.784 euros. Son as seguintes: instalación de dous parques biosaudables para a terceira idade nos lugares de Remourelle e A Devesa; substitución do forxado e pavimento do esceario do teatro de San Roque; arranxo do depósito de agua da Devesa; e construción do muro e peche do aparcadoiro do cemiterio de Vilaseán. Por outra banda, este Concello está integrado na zona 2 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais, xunto cos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá e Trabada. O mantemento dos 40,360 quilómetros provinciais de Ribadeo foi adxudicado en 112.234 euros. Este municipio tamén recibiu 66.699 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementou o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 1.717.494 euros concedidos a través do Plan E.