Deputación de Lugo

A residencia da 3ª idade e a mellora de accesos centran o Plan 08-09 do canon de Negueira de Muñiz

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro pechou co Alcalde deste municipio as actuacións destas dúas anualidades coas que salda os dous terzos da débeda total

- Segundo o reparto, Negueira de Muñiz atópase xunto con Fonsagrada na zona norte, na cal se investirán ata 2010 máis de 900.000 euros - O titular provincial destacou que pouco a pouco imos pechando o canon e nos vindeiros días faremos o mesmo con Carballedo, Guntín e Paradela, co cal o 2009 vai morrer co pago desta débeda histórica, executando as obras planificadas para todos os Concellos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este martes ó Concello de Negueira de Muñiz, onde pechou co rexedor municipal, José Manuel Braña Pereda, as actuacións que o organismo provincial acometerá neste Concello con cargo ás anualidades 2008-2009 do canon, que xunto con Fonsagrada, se inclúe na zona norte, e que se cifran en 621.427 euros. Esta cantidade, derivada do reparto establecido pola Deputación en colaboración co Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, corresponde ós dous terzos da débeda total do canon hidroeléctrico que ascende a 932.141, e que o organismo provincial concluirá en 2010. O titular provincial continuou así a rolda de contactos cos rexedores dos Concellos que contan con produción hidroeléctrica e que, a diferenza de Chantada, non dispoñen dunha sentenza ó seu favor que obrigue á institución provincial a saldar esta débeda histórica. Pouco a pouco imos pechando o canon e nos vindeiros días faremos o mesmo cos Concellos de Carballedo, Guntín e Paradela, co cal o 2009 vai morrer co pago desta débeda histórica, executando as obras planificadas para todos os Concellos. As actuacións que o organismo provincial levará a cabo neste municipio inclúen o equipamento e remate das obras da residencia da terceira idade, o acondicionamento do accesó á parroquia de Encanlar e a adquisición dunha cuña quitaneves, que será contratada este venres na Xunta de Goberno. Gómez Besteiro salientou que técnicos da Deputación xa estiveron en Negueira para ver a posibilidade para que esta edificación sirva para os fins que quere o Concello. O venres contrataremos a cuña, unha actuación que é importante en días como hoxe nos que a neve aínda fai acto de presenza. Ademais, seguiremos cos investimentos no rural. En definitiva, estamos investindo no municipio máis pequeño o que nunca antes se fixo. A Deputación tamén ten que chegar ó último lugar da provincia. O titular provincial subliñou que o canon é unha cuestión que nos tivo ocupados case un ano e medio, primeiro buscando o financiamento para poder cumprir e, despois, para pechar os acordos cos Concellos, nos que xa se está vendo obra, como é o caso de Quiroga, Pobra de Brollón ou Monforte, onde se están licitando os traballos. Gómez Besteiro salientou que os acordos cos Alcaldes sempre se producen buscando a unanimidade. No caso de Fonsagrada van para a residencia, aínda que agora parece que a quere facer a Xunta. Nós encantados porque entón canalizaremos o canon noutras actuacións. Se á administración autonómica lle vén o sentido e fai a infraestrutura, investiremos os cartos, en coordinación co Alcalde, que é o que se debe facer porque eu nunca acudo a un Concello sen falar antes con eles, aínda que non sexan da mesma cor política. Se a principios de ano non temos contestación, faremos os investimentos previstos. Vamos estar aí como sempre estivemos dende o principio. O rexedor municipal, José Manuel Braña, amosou a súa satisfacción por recibir o pago do canon, tantas veces solicitado. Esperamos que a residencia esté rematada pronto para que os veciños poidan facer uso dela canto antes. Ademais de Negueira de Muñiz, o Presidente da institución provincial xa pechou as obras correspondentes ás duas primeiras anualidades do canon nos Concellos da Fonsagrada, Taboada, Saviñao, Sober, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín e O Páramo. Outros investimentos en Negueira de Muñiz A Deputación tamén está a realizar outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans. É o caso do de Comuninades Veciñais de 2009, a través do que a este Concello lle corresponderon 17.830 euros. Precisamente, Gómez Besteiro, visitou a parroquia de Vilaseca, onde o organismo provincial levou a cabo obras de mellora dentro do Plan de 2008. Concretamente, acondicionou a pista que vai de Vilaseca a Pieiga, na que a Deputación investiu 6.607 euros, dos 8.810 do custe total. Por outra banda, este Concello está integrado na zona 8 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais de 2008, xunto cos de Fonsagrada e Navia de Suarna. O mantemento dos 18,475 quilómetros destes municipios foi adxudicado para ese ano por un importe de 51.312 euros. Negueira de Muñiz tamén recibiu 1.571 do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Este Concello tamén acomete a xestión de preto de 19 quilómetros de estradas provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 3.264 euros.