Deputación de Lugo

Unanimidade dos grupos políticos da Deputación en todos os apartados das transferencias hospitalarias

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Persoal subliñou a posición unívoca no apartado que atinxe ós pacientes, xa que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia

Melchor Roel esixiu prontitude no proceso “desta débeda histórica da provincia, xa que non vamos permitir nin polos veciños, nin polos traballadores, nin polos pacientes que se siga dilatando” A Deputación está á espera da reunión que Gómez Besteiro manterá con Feijóo o vindeiro martes para saber se cumpre a palabra de manter o hospital psiquiátrico de Castro Riberas de Lea O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este xoves a reunión na que se informou ós voceiros dos grupos politicos da postura que adoptará a institución provincial ante a decisión da Xunta de Galicia de desvincularse dos inmobles dos hospitais provinciais de San José e San Rafael. Logo da xuntanza, Roel informou dos contidos do encontro e subliñou a postura unánime dos grupos políticos da Deputación en todos os apartados do proceso do traspaso dos centros sanitarios ó Servizo Galego de Saúde. Neste senso, explicou que a postura da administración autonómica obrigou a convocar a reunión de hoxe, xa que tira por terra todo o traballo feito ata o de agora. “Ata este momento o que se fixo foi continuar co proceso. Chegaramos a uns acordos e non había ningunha novidade nos plantexamentos iniciais, que establecían o 1 de xullo como data para culminar a transferencia”. Asimesmo, explicou que a débeda que a Xunta mantén coa Deputación é innegociable, e que se cifra desde o 1 de xaneiro de 2005 en 18.285.425 euros máis 2.016.281 de intereses, o que suma un total de 20.301.706 euros. Segundo o acordo, esta cantidade comezaría a pagarse a partir de 2012. A débeda previa ó 2005, que na actualidade a administración autonómica está pagando, ascende a 56 millóns de euros máis 14 millóns de intereses. O Deputado de Recursos Humanos manifestou tamén a postura unívoca no apartado dos inmobles. Neste senso, sinalou que “anteriormente había desentendementos entre o anterior goberno da Deputación e a Xunta gobernada polo Partido Popular por este tema, xa que o organismo provincial non quería ceder os edificios. Agora nós estamos dispostos, pero cun obxectivo: que sigan sendo de uso sanitario, xa que do contrario non tería sentido a cesión”. A este respecto puntualizou que “estamos pendentes da reunión que o Presidente manterá con Feijóo o día 20. Agardamos que a palabra dada ós veciños de Castro cambie a situación. O titular da Xunta, cando aínda non era Presidente, comprometérase a que o psiquiátrico ía ser un centro de referencia en Galicia”. Na xuntanza, ademais de Gómez Besteiro e Roel, participaron os voceiros do Partido Popular, José María Gónzález Barcia, do BNG, Antonio Veiga, e do PSOE, Antonio Gato Soengas. A Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, non puido asistir por problemas de axenda. Unanimidade nos pacientes e no tema de persoal Polo que se refire ós pacientes a postura dos grupos políticos da Deputación tamén é unánime. Roel matizou que “estes entraron no psiquátrico autorizados por Sanidade, polo que de haber algún cambio, teno que decidir a Xunta. É dicir, a nós non nos compete a decisión de se continúan en Castro e a onde se destinan”. Asimesmo, reiterou que a Deputación defenderá os dereitos dos traballadores, tal e como figura no acordo asinado pola Comisión Técnica o 16 de abril. Prontitude no proceso Melchor Roel esixiulle á Xunta que axilice o proceso, “xa que non vamos permitir nin polos veciños, nin polos traballadores, nin polos pacientes que se siga dilatando a decisión”. Para o Deputado responsable da Área de Recursos Humanos “ten que haber prontitude. Entendemos que poidan existir novos plantexamentos, e de que estes cambien o acordo que tiña o propio Partido Popular para Castro, pero o que non se pode facer é marear a perdiz. É un proceso que levaba moitos anos na anterior lexislatura do PP, agora nós traballando forte logramos fixar o 1 de xullo como data para culminar o proceso das transferencias. O traspaso é unha débesa histórica e unha Deputación do s. XXI non pode ter hospitais. Esto é un arre ou xo”.