Deputación de Lugo

Preto de 350 persoas participan esta semana no programa de visitas Km0

Imaxe deputación de lugo
A igrexa románica de Vilar de Donas e o Castelo de Pambre visitaranse por primeira vez dentro desta iniciativa promovida pola Deputación

Preto de 350 veciños de Lugo, Pantón, Láncara, Cervo e Vilalba participan nas 7 rutas organizadas esta semana no programa de visitas medioambientais Km0 organizado pola Deputación. A Mariña, A Ribeira Sacra, A Terra Chá e A Ulloa son os destinos elexidos. Por primeira vez visitarase, no Concello de Palas de Rei, o Castelo de Pambre e a igrexa de Vilar de Donas, un dos exemplos máis coñecidos do románico vencellado ó Camiño de Santiago. A segunda semana da nova etapa de Km0 inaugurouse este martes con dúas rutas nas que participan un grupo da Asociación local de pensionistas de Pantón e outro da Asociación de veciños de Hombreiro “Río Miño” de Lugo, que foron recibido nos Pazo de San Marcos, pola Deputada de Economía, Regina Polín. Os primeiros coñecerán a oleiría de Bonxe e continuación trasladaranse á Vilaba, onde visitarán a Torre dos Andrade, o Museo Arqueolóxico e a charca de Alligal. Os segundos viaxarán a Viveiro, despois de percorrer as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño. Na cidade do Landro visitarán a igrexa de Santa María do Campo e a Porta de Carlos V, pasearán pola praia de Covas e subirán ó Alto de San Roque. O mércores, un dos grupos que participarán en Km0, da Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, viaxará ó Concello de Palas de Rei para coñecer a igrexa románica de Vilar de Donas e o Castelo de Pambre e dar un paseo polos arredores. Tambén visitarán o mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín. O outro grupo, da Asociación Lares Unidos de Vilarmosteiro de Láncara, desprazarase a Ribadeo. Visitarán o Centro de Cultivos Mariños e o Mosteiro das Clarisas e realizarán unha travesía en barco pola ría de Ribadeo. Polo que se refiere ó xoves, Km0 viaxará a Ribeira Sacra. Socios do Clube Deportivo de San Cibrao farán un percorrido a pé ata o Mirador da Pena do Castelo e navegarán en catamarán por Amandi. Por outra banda, membros da Asociación Social e Cultural de Veciños de Lanzós, do Concello de Vilalba, embarcarán en Chancís para coñecer os Canóns do Sil e visitarán os Muíños de Xábrega en Arxemil. Por último, 24 membros do Consello Administrativo de Musasat (compañía de seguros de responsabilidade civil) visitarán o Mirador de Pena do Castelo, a oleiría de Gundivós e farán unha travesía en catamarán.