Deputación de Lugo

Mabel Rivera, Lino Braxe e Rebeca Montero homenaxean a Novoneyra no recital organizado pola Deputación e RNE

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e a Directora do medio radiofónico presentaron o espectáculo que contou con máis de 120 persoas, entre as que destacaron familiares do poeta do Courel e ilustres membros da Real Academia Galega da Lingua

A Deputación colaborou na elaboración do CD Uxío Novoneyra. Últimas Paisaxes que reúne diversas testemuñas do autor compañadas polas voces de intérpretes da escena galega e recopiladas do arquivo sonoro de RNE

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Directora de RNE en Galicia, Celia Díaz, presentaron o recital que se celebrou este mércores no Pazo de San Marcos co motivo do Día das Letras Galegas, e que este ano se adica ó poeta do Courel. Gómez Besteiro destacou que “dende a Deputación estamos encantados de colaborar con proxectos coma este nos que se pon en valor a nosa provincia e a riqueza que temos dende diferentes perspectivas. Precisamente, a Deputación xa colaborou hai algúns anos con Uxío na publicación de “Muller pra lonxe. Gran Lugo e Nebra nº 1”. Por iso, cando agora se nos traladou a idea de colaborar con Radio Nacional de España para elaborar o CD Uxío Novoneyra. Útimas Paisaxes non o dubidamos dende o minuto un”. O titular provincial destacou a programación levada a cabo durantes este mes dende a Área de Cultura, que dirixe o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, ó tempo que subliñou que “este ano todos os galegos, e os lucenses en particular, nos debemos sentir premiados coa decisión da Real Academia Galega de distinguir no Día das Letras ó poeta de Lugo quen soubo dar unha imaxe de provincia. Pero ademais, esta distinción de Uxío Novoneyra, coincide no mesmo ano que celebramos o 10º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, polo cal a satisfacción é dobre”. Gómez Besteiro destacou que Uxío tamén foi un defensor do galego. “El mesmo dicía: “O galego, a forza do noso amor”. Estou convencido de que el sería un máis dos galegos que o luns estivemos en Santiago na defensa do noso idioma”. O espectáculo contou con numeroso público, entre os que destacaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, parlamentarios, familiares de Uxío Novoneyra, así como os membros da Real Academia Galega da Lingua, Suso Pensado e Darío Xoán Cabana. A poesía do autor nun exclusivo CD A maqueta musical reúne diversas testemuñas do autor, acompañadas polas voces de prestixiosos intérpretes da escena galega, aqueles que na vida do poeta contaron coa súa aprobación para recitar os seus versos. Deste xeito, as actrices Mabel Rivera, Rebeca Montero e, o director do proxecto, Lino Braxe, deron vida ós textos de Uxío, contando coa colaboración do músico Rómulo Sanjurjo. Ademais, o CD inclúe doce dos seus poemas máis significativos, de Libertá a Vietnam, Canto, ou de O Corvo Nuclear a O Lobo, que son recitados polo propio poeta no CD, e que foron recuperados do arquivo sonoro de RNE. Asimesmo, na maqueta tamén se poden atopar dúas pezas para soprano e piano compostas polo falecido compositor Manuel Balboa sobre os poemas Os Eidos, obra capital do poeta. O 17 de maio, a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ó poeta Uxío Novoneyra. O escritor do Courel é lembrado por dous poemas moi significativos dunha época “Vietnam Canto” e “Letanía de Galicia”, pero sobre todo polo libro “Os Eidos”, escrito segundo as variacións do galego que se fala nas montañas onde naceu. Deste xeito, o CD Uxío Novoneyra. Últimas Paisaxes convertirase durante o mes de maio nunha das aportacións máis orixinais e rigorosas da figura do escritor e poeta da Montaña luguesa.