Deputación de Lugo

Máis de 800 rapaces, o dobre que en 2009, elaboran os traxes do Arde Lucus nos talleres do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
10 colexios da capital participan nesta iniciativa froito dun convenio que Deputación e Concello asinarán por 2º ano consecutivo debido ó seu éxito

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, visitou este martes os talleres sobre confección de traxes para o Arde Lucus que o organismo provincial e o Concello de Lugo están a celebrar no pavillón administrativo do Centro de Artesanía e Deseño –CENTRAD-. Trátase dunha iniciativa dirixida ós alumnos dos colexios da capital, froito dun convenio de colaboración que asinarán ambas as dúas administracións. Por segundo ano consecutivo, Deputación e Concello acordan levar a cabo estes obradoiros debido ó éxito da primeira convocatoria. En 2009, preto de 500 rapaces elaboraron o vestiario romano e celta co material aportado polo CENTRAD, e seguindo os consellos dos monitores do Concello lucense. Este ano, hai máis de 800 rapaces inscritos, o dobre co ano anterior. Os centros educativos da cidade que participan nos talleres ascende ós 10, e son os seguintes: CEIP Sagrado Corazón; CPR Cervantes; CPR Maristas; CPR Divino Maestro; CEIP Manuel Mayo; CPR María Auxiliadora; CEIP Paradai; CPR La Milagrosa; CEIP Anexa; e CEIP Luis Pimentel. Deste xeito, con respecto a 2009, o número de colexios que se sumaron á inciativa tamén se dobrou. Os obradoiros, que se prolongarán ata o 29 de maio, teñen lugar de luns a venres, dende ás 16:00 horas e ata ás 20:30 horas; ademais dos sábados de 10:00 horas á 13:00 horas. Os participantes acuden en grupos de 20 persoas, e acompañados polos pais.