Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a recuperación dos soutos e a comercialización de castaña dentro da súa aposta polo medio ambiente

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro asina con Alibós o convenio a través do que o organismo provincial achega 700.000 euros, e que permitirá unha maior profesionalización na produción deste produto autóctono
Con esta iniciativa, a Deptuación contribúe a fixar poboación no rural e a consolidar os postos de traballo que xera o sector
A provincia conta con preto do 40% da produción de castaña de toda Galicia e un volume de negocio de 15 millóns de euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Xerente de Alibós Galicia, Xesús Quintá, asinaron este venres o convenio de colaboración para a promoción e desenvolvemento sostible dos soutos e a comercialización da castaña, que foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno. A través deste acordo, que se inclúe dentro das políticas medioambientais da Deputación e do obxectivo de facer do medio ambiente unha oportuniade económica, o organismo provincial achega 700.000 euros que se distribúen do seguinte xeito: 300.000 en 2010, 220.000 en 2011 e 180.000 euros en 2012. Gómez Besteiro destacou que “o embrión deste convenio xestouse hai ano e medio cando estivemos visitando as súas instalacións. O que ten que intentar unha administración é pechar ciclos, sendo capaces poñer en valor o produto para conseguir o mesmo que con ese 70% de castaña que se importa de zonas como a de Portugal. Temos que conseguir trasladar á axenda de todas as administracións que o pacto polo campo é importante, xa que no momento en que a xente o abandona, deixamos de gobernar menos territorio e isto non o podemos consentir. O obxectivo é mellorar a comercialización deste produto autóctono e obter valor engadido na súa produción”. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende favorecer a recuperación, repoboación e explotación de superficies forestais adicadas a froitos silvestres, así como á súa comercialización e transformación das producións, de xeito que estas actividades permitan o desenvolvemento do potencial natural endóxeno e contribúan a fixar poboación rural. Deste xeito, a empresa adxudicataria da iniciativa negociará cos propietarios de soutos de toda a provincia para ceder o uso detes e recuperar este produto autóctono, que logo será comercializado. Durante a sinatura do convenio, na que tamén participou o Alcalde de Monterroso e Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, o máximo mandatario provincial explicou que “pretendemos fomentar o aproveitamento de recursos naturais propios ó tempo que contribuímos a recuperar os castiñeiros. Nestes momentos, hai moitos soutos que non se están explotando e que a súa produción se perde porque os donos non a recollen ou porque a maleza impide facelo”. Neste senso, apuntou que “a intención da Deputación é poñer en valor esta riqueza natural que se dá en toda a provincia e é parte da base económica do sur da provincia”. Pola súa banda, o Alcalde agradeceu a disposición manifestada polo Presidente dende o primeiro momento, “xa que o que se trata é de valorizar os produtos autóctonos e, sobre todo, a posibilidade de impulsar o medio ambiente. É un proxecto moi importante dende o punto de vista socioeconómico para a provincia”. 40% da produción en Lugo Segundo a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, este sector xera en toda a Comunidade Autónoma un volume de negocio de máis de 30 millóns de euros, dos que uns 15 se facturan na provincia. Deste xeito, en Lugo atopáse preto do 40% de toda a produción galega. A recollida e a produción da castaña vai dende outubro ata xaneiro e dá traballo a máis de 10.000 persoas en toda Galicia e a unhas 1.000 na provincia. Deste xeito, o convenio non só contribuirá a profesionalizar o sector, senón tamén que os postos de traballo deixen de ser estacionais. Neste senso, Xesús Quintá apuntou que “esta inciativa é unha aposta pola agricultura sostible e de futuro como están facendo noutros países. Este proxecto é unha integración da empresa cos produtores e vai facilitar que unha parte da produción esté integrada baixo a denominación de IXP Denominación de Castaña de Galicia”. Empresa punteira no sector A fábrica de Alibós Galicia sitúase en Monterroso. É unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada. Exporta a súa produción a Europa e Xapón e conta cun dos túneles máis importantes de conxelados a nivel europeo. En 2009 facturou máis de 5 millóns de euros e durante a recollida e produción da castaña, dá traballo a máis de 100 persoas. Dende fai máis dunha década esta empresa conta coa certificación de Elaboradores de Produto Ecolóxico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, ademais doutras distincións como o Premio á Mellor Industria Ecolóxica de Galicia. Iniciou a súa actividade en 1968 e desde entón traballan no aproveitamento da castaña e de produtos silvestres da comarca da Ulloa, como os cogumelos, frambuesas ou fresas de bosque.