Deputación de Lugo

O Padroado da Fundación TIC reúnese este luns para analizar as contas anuais e presentar a memoria de actividades do exercicio 2009

Imaxe deputación de lugo

O Padroado da Fundación TIC de Lugo reúne o vindeiro luns, 10 de maio, para someter a aprobación a conta anual do exercicio 2009 no que se desenvolveron distintas accións dentro das dúas liñas básicas de traballo establecidas nos seus principios fundacionais: a educación e formación, e a produción e promoción. O órgano de goberno da Fundación é o Padroado ó que lle corresponde cumprir cos fins fundacionais e administrar o seu patrimonio. Deste xeito, na sesión, á que asistirán os membros do Padroado designados por cada un dos grupos políticos con representación na institución provincial e os expertos do sector - o director Jorge Coira e o productor José Mª Besteiro -, analizaranse as diferentes acción executadas dentro do Plan de Actuación da Fundación no pasado exercicio 2009. As actividades desenvoltas nos centros dependentes da fundación - CPR TIC Escola de Imaxe e Son de Lugo, CPP Centro de Produción de Programas e LFC Lugo Film Commission -, serán obxecto de análise a partir dos informes de xestión e das memorias de actividades presentadas. Fundación TIC A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) é unha entidade sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación de Lugo, e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación. As súas instalacións están no polígono do Ceao –produtora audiovisual- e na rúa Frai Plácido Rei Lemos –centro de formación-. A Fundación TIC é un instrumento que promove a formación e a produción no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Neste senso, a súa actividade está dirixida ó fomento da educación, da investigación e o desenvolvemento das TIC, así como ó impulso e consolidación da denominada sociedade da información de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo. Dentro das estratexias e liñas de actuación prioritarias están a xestión dun centro educativo autorizado pola Consellería de Educación no ano 2003 para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao superior de Producción de audiovisuais, radio e espectáculos e de Realización de audiovisuais e espectáculos que iniciou a súa andaina no curso 2003/2004; o fomento das accións vinculadas ó sector das TIC e á promoción de calquera actividade dirixida á promoción dos seus obxetivos que figuran nos estutos da Fundación; a colaboración coas administracións e entidades con responsabilidades e competencias no campo da educación e da formación; e fomentar a colaboración entre as empresas e entidades públicas para conseguir o desenvolvemento das TIC. Na actualidade a Fundación centra a súa actividade na consolidación dun modelo formativo propio de referencia para o desenvolvemento da formación no ámbito do sector audiovisual, preparación de proxectos para a creación de programas formativos baseados na aplicación das novas tecnoloxías, colaboración con entidades e institucións da provincia facilitando o apoio técnico e loxístico preciso para xerar contidos audiovisuais ou multimedia, e na consolidación dun programa de bolsas de formación en empresas para facilitar a inserción laboral dos titulados.