Deputación de Lugo

300 persoas participarán nun curso pioneiro sobre conservación da fauna silvestre

Imaxe deputación de lugo
Trátase dunha xornada dirixida a estudantes e titulados en Veterinaria, Bioloxía e nas Enxeñarías Forestal e Agrónoma, e sumará un crédito de libre configuración.

A Deputación colabora coa Facultade de Veterinaria neste curso, enmarcado nas políticas de apoio ó campus de Lugo. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos o II Curso de Veterinaria en Fauna Silvestre. Recuperación de Especies Mariñas e Terrestres. Trátase dunha xornada pioneira sobre a conservación da fauna silvestre, un contido que non se imparte en ningunha facultade de España. Gómez Besteiro subliñou a estreita colaboración da institución provincial co campus lucense. O curso é tan novidoso que Universidades de referencia como Veterinaria en Barcelona ou Madrid ofrecen clases sobre patoloxías dos animais exóticos pero non sobre a fauna salvaxe. Por iso, o éxito da inscrición aberta ata o momento: unhas 300 persoas de diferentes puntos de España xa están anotadas. O obxetivo da xornada é adquirir coñecementos sobre o papel dos profesionais na conservación destas especies para aumentar o abano de posibilidades a hora de buscar emprego. Da mesma forma, os alumnos que participen recibirán un crédito de libre configuración. Gómez Besteiro fixo fincapé na colaboración entre Deputación e Universidade dende hai 26 anos, cando o organismo provincial puxo en marcha a Facultade de Veterinaria. Neste senso, subliñou os investimentos que está a facer na actualidade o equipo de goberno provincial como foron a cesión dunha finca do Campus para a implantación dunha empresa de I+D+i no ámbito da biomedicina e que contribuirá á creación de postos de traballo de alta cualificación; a construción do edificio de Enxeñería Civil; o centro a pleno rendemento da UNED; ou a dotación de 7 millóns de euros, o maior investimento feito pola Deputación dende a creación do Campus, para a súa ampliación, o denominado Campus 2015. “Este curso é un exemplo máis desa alianza da Deputación co Campus de Lugo”, afirmou. Pola súa banda, o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo salientou que este curso constitúe a segunda edición doutro que se impartiu o ano pasado e que resultou “un éxito rotundo”. Ademais, subliñou a relevancia de accións coma éstas que “serven de foro de conexión e de intercambio de experiencias entre os especialistas do eido veterinario que traballan coa fauna silvestre e o persoal da propia Facultade de Veterinaria do campus lugués, un centro de referencia recoñecido internacionalmente, e do Hospital Rof Codina”. Para Carlos Herrero, estas accións contribúen ao avance e coñecemento do Campus de Lugo, “o máis desenvolvido dos campus non centrais do Sistema Universitario Galego, cunha capacidade investigadora, uns servizos e unhas infraestruturas cada vez máis reforzadas”, unha tendencia na que se seguirá a traballar ao amparo do proxecto Campus 2015. Inscrición e datas O curso, organizado polo Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias e a Sociedade Galega de Especialistas en Veterinaria de Fauna Salvaxe (VEFAS), desenvolverase dende o 19 ó 21 de marzo na Facultade de Veterinaria de Lugo. Diríxese a alumnos e licenciados en Veterinaria, Bioloxía e nas Enxeñarías Forestal e Agrónoma. Son 30 horas lectivas nas que se abordarán asuntos como; a situación do lobo, o corzo ou da cabra montés en España; os métodos de exploración en mamíferos mariños; as intoxicacións e envelenamentos da fauna salvaxe; ou a tecnoloxía da reprodución aplicada á conservación das especies silvestres. O prazo de inscrición está aberto ata o 14 de marzo. O custe da xornada é de 45 euros para estudantes e 65 para profesionais. Todos os interesados poden formalizar a súa inscrición no teléfono 982-28-59-28, ou ben dirixíndose a Facultade de Veterinaria de Lugo.