Deputación de Lugo

Máis de 120 rapaces de Lugo e de Pontevedra coñecen esta semana a Reserva Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
Alumnos do Menéndez Pelayo e do centro ocupacional “O Saiar” de Caldas de Reis participan en visitas guiadas polo espazo natural

Máis de 120 de Lugo e de Pontevedra coñecen esta semana a Reserva da Biosfera Terras do Miño. Esta mércores, 45 alumnos do colexio lucense Menéndez Pelayo percorreron o Centro de Interpretación do río Rato para coñecer o contorno deste espazo natural, que obtivo a distinción da UNESCO en 2002. Mañá outros 45 estudantes deste centro educativo e 35 membros do centro ocupacional “O Saiar” de Caldas de Reis participarán tamén nas visitas guiadas nas que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosan ós participantes da iniciativa a calidade ambiental e a riqueza natural desta Reserva da Biosfera. Con estas visitas, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño, que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Esta Reserva da Biosfera foi a primeira declarada en Galicia e unha das máis extensas de España, xa que abarca o 39% do territorio de toda a provincia e abarca a 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.