Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN, ANTÓN BAO, ACUDIU Á PRESENTACIÓN DO FILME GALEGO O ELOXIO DA DISTANCIA

Esta película rodada en Terras de Burón – A Fonsagrada narra a vida de distintas personaxes das súas ideas da distancia e de como esta determinou e continúa a determinar a súa vida e a dos veciños.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, participou hoxe na presentación en Lugo do película O ELOXIO DA DISTANCIA. Esta primeira proxección da campaña de presentación do filme tivo lugar no salón de actos da Deputación de Lugo e mañá sábado trasladarase á Fonsagrada que foi o lugar de rodaxe do filme. Na presentación, ademais do vicepresidente da Deputación, estiveron presentes o Director Xeral de Turismo, Rubén Lois, e o Presidente de Filmax, Julio Fernández. Antón Bao sinalou que a rodaxe desta película, nas terras de Burón, “deu dous froitos de unha formidable beleza estética, un é a película coa que hoxe gozamos e outro é un libro de fotografías que recollen á perfección o espírito vivo destas terras e das xentes que as habitan” con estas verbas o vicepresidente anunciou a próxima edición dun libro, patrocinado pola Área de Cultura da Deputación, no que se recollen fotografías realizadas durante a rodaxe da película. Esta película dirixida por Felipe Vega, que é tamén o autor do guión xunto con Julio Llamazares, conta coa participación na produción executiva e como director de desenvolvemento do lucense Pepe Coira. O ELOXIO DA DISTANCIA conta a vida das Terras de Burón ao longo dun ano, e leva á pantalla os cambios que a paisaxe –protagonista última do filme- experimenta no paso dunha estación a outra. A estrutura narrativa do documental descansa sobre a idea das catro estacións. O ELOXIO DA DISTANCIA foi a opción de procurar uns personaxes desde os que contar a paisaxe que habitan e os protagonistas escollidos foron: Raúl, o carteiro (primavera) Carlos, o fotógrafo (verán) Luz, da comuna de Negueira (outono) Patricia, a veterinaria (inverno).