Deputación de Lugo

A Fundación TIC presenta este martes 3 documentais sobre as Reservas da Biosfera

Imaxe deputación de lugo
Os Alcaldes dos 36 Concellos incluídos nas Reservas lucenses así como numerosas personalidades e empresas da zona están convidados á presentación dos DVDs
O acto celebrarase ás 21:00 horas nos xardíns do Centro de Interpretación Terras do Miño e estará aberto ó público
Os documentais, nos que colaboraron bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, emitiranse na canle Caza y Pesca de Digital+

A Fundación TIC, dependente da Deputación, colaborou na produción de senllos documentais sobre as tres Reservas da Biosfera da provincia de Lugo: Terras do Miño, Ancares, e Río Eo-Os Oscos-Terras de Burón. Os programas audiovisuais, nos que colaboraron bolseiros da Escola de Imaxe e Son e persoal do Centro de Produción de Programas da Fundación TIC, serán presentados este martes ás 21:00 horas nos xardíns traseiros do Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo do Rato. Ó acto, que estará presidido polo máximo responsable da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, están convidadas destacadas personalidades, entre elas, os Alcaldes e Alcaldesas dos 36 Concellos incluídos nas tres Reservas, que ocupan o 55% do territorio da provincia. Tamén asistirán numerosos representantes de empresas que traballan nestas zonas e que contribúen ó seu desenvolvemento sostible. En Caza y Pesca Os documentais, de 30 minutos de duración cada un, emitiranse na canle Caza y Pesca de Dixital+. O seu obxectivo é dar a coñecer os valores naturais que levaron á UNESCO a recoñecer como Reservas da Biosfera estes espazos da provincia de Lugo así como as actividades tradicionais dos seus habitantes que contribuíron á conservación do contorno medioambiental. Lugo é unha das provincias que conta con maior número de Reservas da Biosfera en España. A de Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia, no ano 2002, e é a segunda máis grande da Península Ibérica. Inclúe 26 municipios da cunca alta do Miño: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Ocupa o 39% da provincia de Lugo cunha superficie de 363.668 hectáreas. Os Ancares lucenses foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006 e está formada polos Concellos de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, o 6% do total da provincia. En canto a Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón foi declarada Reserva en 2007 e abarca 14 Concellos, 7 asturianos e 7 lucenses. Na parte da provincia de Lugo, a súa superficie é de 108.007 hectáreas, o 11% da súa superficie, e afecta ós municipios de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.