Deputación de Lugo

Ratificado polo Pleno o reparto de 6 millóns de euros ós 15 Concellos afectados polo canon hidroeléctrico

O Presidente da Deputación dixo que “os cartos por fin fan xustiza” e anunciou que nas vindeiras semanas reunirase cos Alcaldes dos Concellos afectados

A Corporación acorda, coa abstención do PP, iniciar un expedente para retirar os títulos honoríficos concedidos a Franco O Pleno da Deputación celebrado este martes ratificou, coa abstención do PP, o reparto do canon enerxético dos encoros da provincia de Lugo que contan con produción hidroeléctrica e que ascende a 6.098.876,36 euros. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que “os cartos por fin fan xustiza e sen unha sentenza” en relación co pagamento do canon hidroeléctrico ós 15 Concellos afectados, á marxe do de Chantada. Gómez Besteiro dixo que “estamos aquí para cumprir non unha sentenza senón uns criterios políticos”. Ademais anunciou que “nas vindeiras semanas reunireime cos Alcaldes e Alcaldesas e tamén con todos aqueles que quieran trasladar á Deputación a súa opinión pero, en todo caso, non imos renunciar á acción de goberno”. A Corporación provincial deu o visto e prace ás porcentaxes correspondentes a este reparto. A cantidade estableceuse tendo en conta, en primeiro lugar, que Chantada recibe, por sentenza, un terzo desas compensacións. No caso dous outros municipios afectados, nos que non teñen sentenza favorable, dase cumprimento a un compromiso político. Os Concellos que se beneficiarán do reparto son: zona sur (O Saviñao, Taboada, Paradela, Portomarín, Páramo, Guntín, Carballedo, Pantón, Ribas de Sil, Quiroga, Sober, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón) e zona norte (A Fonsagrada e Negueira de Muñiz). Establécese un reparto riguroso, equitativo e proporcional no que se seguiron 9 indicadores: os 3 primeiros son os mesmos que se empregaron no informe pericial da sentenza de Chantada (superficie, poboación e potencia instalada) e os outros 6 atenden a criterios baseados en fontes oficiais como o INE ou nos datos da Deputación para outras accións como os cálculos do POS. Os investimento dividiranse por anualidades 2008-2010 e están amparados polo Plan Económico Financieiro da Deputación. As cantidades resultantes do reparto non se transferirán directamente ós Concellos. Neste caso, seguirase un sistema semellante ó de Chantada, que foi a través dun convenio, e continuación planifícaranse os investimentos en cada un destes municipios. Retirada de títulos honoríficos A Corporación tamén acordou, coa abstención dos populares, iniciar un expedente para a retirada de títulos honoríficos e distincións concedidos pola Deputación a Franco, en concreto, a Medalla de Ouro da institución e a Presidencia de Honra. O voceiro socialista, Antonio Gato Soengas, lembrou que “esta iniciativa enmárcase dentro da Lei de Memoria Histórica, pero tamén hai que ter en conta o Reglamento de Honras e Distincións da Deputación para iniciar calquera procedemento destas características”. Gato Soengas afirmou que os cidadáns precisan de reparacións deste tipo, e non e malo que a institución se pronuncie sobe esta cuestión”. Por outra banda, o PSOE e o BNG aprobaron unha declaración do equipo de goberno pola que se rexeitan “os bombardeos e a invasión levados a cabo polo exército de Israel, que evidencian o colofón da blocaxe perpetrada polo estado israelí contra o pobo de Gaza en Palestina” así como transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo palestino en Gaza. Máis medios para as nevadas En relación a unha moción sobre os medios para facer fronte ás nevadas, o Deputado da Área de Infraestruturas, Manuel Martínez, dixo que “neste momento estase a traballar coas empresas que foron contratadas polo goberno do PP e cos medios previstos polos anteriores responsables provinciais, e con eses medios fíxose un traballo extraordinario”. Manuel Martínez apuntou que o actual equipo de goberno reforzará os medios persoais e materiais e lembrou que se destinarán 10,6 millóns de euros para o mantemento integral das vías e a atención das incidencias, unha cantidade que duplica á que había na época popular.