Deputación de Lugo

A USC inaugura no Courel a primeira estación científica do sur da provincia de Lugo

Imaxe deputación de lugo
En menos dun mes acollerá aos primeiros grupos de investigadores para desenvolver proxectos sobre a flora e a xeografía da zona

A Deputación creará nestas instalacións a segunda das tres Aulas de Interpretación da Natureza previstas no programa Lug02 co obxectivo de complementar o labor do centro científico O reitor en funcións da USC, Senén Barro, inaugurou este venres a Estación Científica do Courel (ECC), o primeiro centro deste tipo que se crea no sur da provincia de Lugo e que dota aos investigadores das instalacións e os equipos precisos para desenvolver os seus proxectos nas diferentes áreas relacionadas coa montaña luguesa. A ECC, dirixida polo biólogo Javier Guitián, aspira a converterse nun dos centros de referencia en investigación e formación no ámbito do medio ambiente con especial incidencia no progreso social e económico da comarca do Courel, xa que permitirá valorizar o importante patrimonio natural da zona. As súas instalacións comezaron a construírse no ano 2009 en Seoane do Courel, en terreos cedidos polos veciños á USC, e contaron cun orzamento superior ao millón de euros, unha cantidade aportada entre a propia universidade e as Consellarías de Industria e Medio Ambiente. Situada nun punto estratéxico, a Estación Científica permite acceder facilmente ás áreas máis emblemáticas da serra luguesa así como á principal vía de comunicación da zona, a estrada de Pedrafita do Cebreiro a Quiroga. Ao acto de inauguración asistiron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director da Estación Científica, Javier Guitián; o reitor electo da USC, Juan Casares Long; o xefe territorial da Consellaría de Medio Rural, Ramón Carballo; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; a alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel, Dolores Castro Ochoa; e numerosos representantes da vida académica e social local, provincial e autonómica. Conferencia de Benigno Varillas A presentación no Courel contou ademais coa participación do naturalista, escritor e xornalista asturiano Benigno Varillas, que impartiu unha conferencia sobre a conservación da natureza e o futuro do mundo rural. Varillas, un pioneiro do xornalismo ambiental que xa participou nun curso de verán organizado pola USC no Courel, é o fundador da revista Quercus, a publicación española máis antiga de información ambiental, e da publicación El Cárabo, que recolle monografías para promover o interese da mocidade pola natureza. Ademais publicou a primeira biografía autorizada de Félix Rodríguez de la Fuente e na actualidade preside a plataforma Rural-Natureza, de apoio ás iniciativas que combinan o desenvolvemento socioeconómico do eido rural coa conservación do medio ambiente. ECC: zona de traballo e residencia Nos seus 900 metros cadrados construídos, que se distribúen en dous andares e baixo cuberta, a Estación Científica do Courel dispón dunha sala de conferencias con capacidade para 60 persoas, laboratorios de docencia e investigación, salas de estar e traballo, ademais dunha zona de residencia e cociña para 8 investigadores. A planta baixa alberga a aula e os servizos xerais, polo que pode ser empregada para todo tipo de actos. As instalacións contan con equipamento informático, conexión a internet e diverso material óptico de investigación. O principal obxectivo da estación é potenciar a cooperación entre os diferentes grupos de investigación ao estar concibida como un centro multidisciplinar que dará soporte aos proxectos máis diversos, ao tempo que posibilita unha mellor execución e maior rendibilidade científica das investigacións que se desenvolvan na zona. A súa posta en marcha contribuirá tamén en grande medida ao desenvolvemento da comarca courelá mediante o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada e a xeración dun entorno cultural más accesible no que poderán participar as institucións, entidades locais e asociacións. Os primeiros usos En menos dun mes chegarán ás instalacións da USC no Courel os primeiros grupos de investigadores para desenvolver os seus proxectos relacionados coa flora e a xeografía da montaña luguesa. Serán as primeiras actividades que se leven a cabo na Estación Científica, que tamén prevé acoller despois do verán un curso sobre ‘O Courel como recurso educativo’, unhas xornadas sobre os soutos ou mesmo a visita dos participantes nun congreso sobre zooloxía que se impartirá no Campus de Lugo. Máis dunha vintena de grupos de investigación da USC teñen amosado xa o seu interese en empregar as novas instalacións para desenvolver proxectos en áreas tan diversas como a botánica, a zooloxía, a edafoloxía, a produción vexetal, a xeografía ou a historia contemporánea. Tamén o fixeron outros investigadores de universidades como as de Vigo ou da Coruña, do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de institucións como a Deputación Provincial de Lugo ou a Consellaría de Medio Rural, e mesmo entidades doutros países de Europa. Punto de información ambiental A USC asinou recentemente un convenio coa Deputación Provincial de Lugo para instalar na ECC un punto de información ambiental que funcionará como un aula da natureza, co obxectivo de complementar o labor do centro interpretativo da localidade próxima de Moreda. O organismo provincial dotará á nova aula, que se inclúe dentro dunha liña de actuación do programa europeo Lugo02 dotada con 950.000 euros, do material preciso para a súa posta en funcionamento no menor tempo posible. Prevense instalar, como mínimo, dez ordenadores de sobremesa con conexión a Internet, unha pantalla para visionado de vídeos e un equipo multimedia. O punto de información ambiental acollerá actividades de información, educación e sensibilización medioambiental, programas educativos para centros escolares, proxeccións audiovisuais ou exposicións temáticas, prestando sempre especial atención ao uso dos recursos informáticos para explicar aos visitantes as características do patrimonio natural da zona, de xeito que contribuirá tamén a facer da Estación Científica un lugar de interese turístico.