Deputación de Lugo

A Deputación comeza a executar na Montaña o Plan Extraordinario de Obra Pública con actuacións que superan o 1M€

Imaxe deputación de lugo
Una semana despois de aprobar esta macro-programación, o organismo provincial inicia as obras de mellora en máis de 24 quilómetros da estrada que une Becerreá a Degrada

Gómez Besteiro e Martínez supervisan actuacións levadas a cabo pola Deputación en Becerreá por valor de 800.000 euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ós Alcaldes de Becerreá e Cervantes, Manuel Martínez e Benigno Gómez, supervisaron este xoves o inicio das obras na estrada que une Becerreá e Degrada e que afecta a estes dous municipios da Montaña. Gómez Besteiro salientou que “con estas actuacións, comezamos a executar coa máxima rapidez na Montaña unha parte do Plan Extraordinario de Obra Pública para esta zona, e tan só unha semana despois de aprobalo en Pleno. Deste xeito, poñemos en marcha esta macro-programación dotada de 60 millóns de euros e axudamos a dinamizar a economía da provincia”. Neste senso, o titular provincial, quen adiantou que este non é o único investimento que se realizará nesta zona da provincia dentro do Plan, indicou que “imos contratar todas as obras en 2010 e non en 2012, o que é importante. O obxectivo é sacar para diante obras e ademais sen incrementar a débeda pública. Estamos vixiantes para que no haxa déficit”. Os traballos contemplan a mellora de 24 quilómetros, dende o punto quilométrico 0,000 ó 24,510, do vial Becerrá-Navia por San Román a Degrada. A Deputación investe máis de 1.000.000 de euros, concretamente 1.039.441, para acometer as seguintes actuacións: aglomerado en quente, ensanche da plataforma ata 5 metros, saneamento, sinalización vertical e horizontal, limpeza de cunetas, e colocación de ollos de gato. O Alcalde de Becerreá sinalou que “é unha grande inversión que se vai acometer na súa totalidade e non por partes como eran as políticas habituais do PP, que consistían no arranxo de treitos de 500 metros”. Pola súa banda, o de Cervantes destacou que “o Plan da Deputación coordina obras e dota de servizos ó corazón dos Ancares. Este investimento sumáse o acondicionamento da estrada que une Pedrafita co Portelo, e que ten un custe de 700.00 euros”. Máis de 800.000 euros O titular do organismo provincial aproveitou a visita á zona para comprobar o estado doutras actuacións levadas a cabo pola Deputación no Concello de Becerreá por valor de máis de 800.000 euros. Deste xeito, Gómez Besteiro e Manuel Martínez desprazáronse á parroquia de Pena Maior onde o organismo provincial investiu máis de 700.000 euros no aglomerado da zona, no arranxo da praza da igresa, así como na mellora do acceso á N-6. Da mesma forma, supervisaron os traballos realizados dentro das últimas dúas convocatorias do Plan de Comunidades Veciñais. Con este proxecto, a Deputación subvencionou obras, principalmente de saneamento e traída de auga, por valor de 100.000 euros nas localidades de Guillén, Foerla, Quintá de Cancela, Vilachá, Bullán, e Herbón.