Deputación de Lugo

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACION DE LUGO COLABORARÁ COAS ASOCIACIÓNS PARA RECUPERAR E POTENCIAR O PATRIMONIO INMATERIAL DE SEIS CONCELLOS DO SUR DE LUGO

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, xuntouse hoxe con membros de asociacións, e os/as delegados/as das consellerías de Cultura e Deporte, do Medio Rural, de Vivenda e Solo, Innovación e Industria (que non puido asistir por razóns de axenda)

Antón Bao sinalou que desde a Vicepresidencia vaise pular decididamente pola potenciación e mantemento dun elemento configurante da identidade como é o patrimonio inmaterial Esta mañá veñen de xuntarse o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, máis representantes das asociacións, en nome de quen falou Lois Diéguez como presidente de Lugo Patrimonio, así coma os/as delegados/as das consellerías nacionalistas da Xunta de Galiza para presentaren un proxecto conxunto de recuperación do patrimonio inmaterial baseado nos ritos festivos da zona sur da provincia de Lugo. Antón Bao manifestou que o apoio da vicepresidencia que el preside consistirá na colaboración económica directa ás asociacións que traballan pola pervivencia dos ritos festivos coma o entroido ribeirao “un apoio decidido que nunca se tiña efectifizado dende a Deputación de Lugo”. Este apoio económico xa se deu no presente ano e no vindeiro 2009 vanse adicar a este fin 35.000 €. Do mesmo xeito resaltou que se veñen de adxudicar dúas bolsas da Área de Cultura mediante as cales dúas persoas traballarán expresamente na investigación do patrimonio inmaterial lucense. O vicepresidente da Deputación de Lugo tamén indicou que se están a preparar unidades didácticas onde plasmarán as investigacións que se vaian realizando sobre este tipo de patrimonio, coa fin de que os escolares de Lugo o coñezan e cheguen a valoralo na súa medida. Os/as delegados/as das respectivas consellerías do goberno galego quixeron manifestar tamén o apoio decidido á iniciativa das asociacións e presentaron polo miúdo as súas propostas, que contemplan desde actividades de recuperación do patrimonio inmaterial a outras máis tanxíbeis como a rehabilitación de vivendas, o acondicionamento de locais sociais ou a posta en valor dos espazos públicos onde se levan a cabo as representacións do entroido e outras festas de valor etnográfico. Por último, Lois Diéguez, no nome de todas as asociacións que participan do proxecto e quixo destacar que se está diante dun proxecto moi importante a medio prazo posto que conxuga moitos esforzos a prol da recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial e que revertirá tamén na sociedade do lugar, freando o despoboamento ao propor novas alternativas económicas desde o punto de vista da artesanía e o turismo.