Deputación de Lugo

Comeza hoxe a primeira fase de obras do canon hidroeléctrico de Chantada

Imaxe deputación de lugo
A Deputación iniciou os traballos de mellora de tres pistas que suman un total de 71.448 euros, e que se inclúen no proxecto de rexeneración de vías rurais dotado con máis de 1 millón de euros

A primeira fase está composta por 15 obras que se acometerán nos meses de maio e xuño Gómez Besteiro cumpre a promesa asumida en febreiro cando anunciou que en maio habería obra aberta para a rexeneración de camiños rurais Tal e como estaba previsto, este venres deron comezo os traballos da primeira fase das obras incluídas no Plan de Obras do Canon de Chantada 2008, e que ascende a 1,6 millóns de euros. Concretamente, a Deputación iniciou os que corresponden ó acondicionamento e mellora de 3 pistas rurais, 2 que enlazan a localidade de Vigo coa de Paderne, e outra que comunica Paderne coa LU-213. As tres obras suman un total de 71.448 euros e terán unha duración de 15 días, polo que o organismo provincial pide desculpas ós veciños polas molestias que poidan ocasionar os traballos. Estes tres proxectos inclúense dentro da primeira fase do Plan de Obras que contratou a Deputación, xunto con outros 15 viais e que se enmarcan dentro do proxecto de rexenaración de vías rurais dotado cun investimento de 1.149.764 euros. O organismo provincial acometerá o lote completo das 15 obras nos meses de maio e xuño. Deste xeito, cúmprese a promesa asumida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na visita realizada no mes de febreiro a Chantada, onde anunciara que no mes de maio habería obra aberta para a rexeneración de camiños rurais. Trátase, por tanto, do maior investimento realizado pola institución provincial neste municipio. Con este Plan, o equipo de Goberno presidido por Gómez Besteiro, salda así unha das principais débedas históricas que arrastraba a institución provincial desde hai 18 anos. Logo de ser aprobado pola Xunta de Goberno do 8 de maio, a Deputación tamén levará a cabo outros proxectos como o saneamento do núcleo de Viana, ó que se destinan 16.143 euros, así como a reurbanización do polígono dos Acivros, a primeira en máis de 20 anos, na que a Deputación investirá 45.226 euros. O firme das rúas e os servizos do polígono non foron renovados desde a súa construción, polo que este deterioro fai urxente esta intervención. O organismo provincial tamén levará a cabo a adquisición de terreos para a depuradora por valor de 150.000 euros. Neste caso, ó Concello correspóndelle aportar estes terreos nos que a Consellería de Medio Ambiente construirá a nova depuradora de augas residuais. A outra actuación beneficia ó Campo de fútbol de Sangoñedo con 169.389 euros.