Deputación de Lugo

O CENTRAD ofrece por 1ª vez un curso de cestería nocturno e a técnica de grisalla sobre vidro

Imaxe deputación de lugo
Os participantes coñecerán distintas formas da cestería de vimbio e modos de combinar o vidro con esmaltes e cobre

A cestería de vimbio, en diferentes modalidades, e a de vidro serán as protagonistas dos vindeiros cursos da programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Esta fin de semana, no Centro de Cestería do río Rato, o artesán Carlos Fontales impartirá a técnica de cestería de vimbio, a través da que os participantes construirán a cesta típica que se empregaba en Galicia para recoller os ovos. O obradoiro desenvolverase en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde. Asimesmo, o CENTRAD ofrece por primeira vez un curso nocturno, no que Fontales inciará ós participantes nesta modalidade de cestería e na que os cursillistas aprenderán a elaborar distintas pezas co vimbio. O Centro de Artesanía e Deseño quixo así satisfacer a demanda dos participantes que debido ó horario laboral non poden asistir ós cursos que ofrece o centro dependente da Deputación. Neste caso, o obradoiro desenvolverase desde o luns ata o xoves, 22 de maio, en horario de 20:30 a 22:30 horas. A diferenza de edicións anteriores, todos os cursos están dirixidos ó público en xeral partindo do nivel de iniciación. Dentro do obxectivo de potenciar os diferentes oficios artesanais da provincia coa finalidade de que estes non esmorezan no tempo, o CENTRAD inclúe outra das novidades nesta programación. Por primeira vez, imparte a técnica de grisalla, que combina esmaltes, amarelo de prata e vermello ó cobre sobre vidro plano. A artesá Maribel Navarro impartirá o obradoiro, desde o 18 ó 22 de maio. O horario será tamén de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.