Deputación de Lugo

Lara Méndez aboga pola colaboración entre administracións e axentes sociais para incentivar a economía provincial

A Vicepresidenta Segunda participou na inauguración das III xornadas sobre cuestións xurídico-laborais de actualidade: xuventude e mercado de traballo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este martes na inauguración das III xornadas sobre cuestións xurídico-laborais de actualidade: xuventude e mercado de traballo organizadas pola Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo. Na súa intervención, Lara Méndez destacou a colaboración das institucións e dos axentes públicos e privados para impulsar medidas que promocionen o emprego e garantan a estabilidade laboral nestes momentos de crise económica. “Creo que é neste momento cando as Deputacións temos que ser máis útiles ca nunca. Debemos poñer en marcha medidas e axudas destinadas á promoción do emprego e a potenciar a economía das provincias. O importante neste momento é sumar e non restar para imprimirlle a esta provincia o forte pulo socioeconómico que necesita. Nesta tarefa no sobran socios e na Deputación de Lugo estamos á súa disposición para sumar”. A responsable provincial lembrou que unha das medidas que puxo en marcha a Deputación para potenciar o emprego foi o Fondo Extraordinario, dotado con 1,5 millóns de euros e que complementa o Estatal. A este respecto, indicou que “esta iniciativa tradúcese en centos de obras en todos os Concellos de Lugo e moitos postos de traballo na nosa provincia. O Ministerio vén de aprobar 465 proxectos presentados por 67 Concellos, que xerarán preto de 3.500 postos de traballo directos”. Asimesmo, subliñou que “hai que protexer e incentivar ós autónomos, xa que son un dos piares do tecido económico provincial. Lugo dispón dunhas 25.000 empresas das que tan só 11 teñen máis de 200 traballadores. Por este motivo, desde a Deputación damos axudas directas a este colectivo, o que nos converte na primeira Deputación de España que subvenciona os seus gastos correntes. A primeira liña beneficiou a 500 autónomos. Pero recibimos case 2.000 solicitudes, polo que xa estamos configurando as bases para repetir estas axudas en 2009”. O programa destinado ó afianzamento das empresas familiares e emprendedores inciado na Mariña e que nestes momentos se está a desenvolver en Lugo tamén foi comentado por Méndez. Neste senso, sinalou que “afrontamos a elaboración do Plan Estratéxico da provincia, o primeiro que terá e que nos indicará onde nos estamos a xogar a rendabilidade os lucenses e onde perdemos o tempo. Precisamente hoxe comezaron as reunións sectoriais coa mesa sobre Mercado de Traballo”. No acto tamén participaron a Conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato, o Vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, a Directora da Escola de Relacións Laborais, Mercedes Montes, o secretario da CEL, Jaime Luis López, e o Presidente da Fundación do Campus Universitario de Lugo, Alfredo Mosteirín. Programa das Xornadas As III xornadas sobre cuestións xurídico-laborais de actualidade: xuventude e mercado de traballo desenvólvense desde hoxe ata o xoves, 14 de maio, no Salón de Actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo. Durante estes tres días distintos especialistas analizarán a situación laboral actual e as oportunidades de emprego que teñen os estudantes recén titulados. Deste xeito, exporanse as propostas para a integración da xuventude no mercado de traballo en Galica, as políticas de emprego dirixidas ós mozos, recoñecemento de títulos universitarios na Unión Europea, a temporalidade na contratación xuvenil, a formación como chave de futuro, e o estatuto do traballador autónomo, entre outras cuestións.