Deputación de Lugo

Este curso, presentado polo vicepresidente da deputación e o concelleiro de cultura de Sarria, celebrarase en Sarria os días 6 e 7 de decembro

Especialistas de todo o estado impartirán os seus coñecementos neste curso dirixido a profesionais e afeccionados

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, participou hoxe na presentación do I CURSO DE INICIACIÓN AOS INSTRUMENTOS DE VENTO HISTÓRICOS – CONXUNTOS DE MINISTRILES, na presentación estivo acompañado polo concelleiro de cultura de Sarria, Xermán Árias, e por un dos organizadores do curso, Abraham Cupeiro. Este curso, dirixido a músicos e afeccionados que desexen profundizar no coñecemento da morfoloxía e funcionamento dos instrumentos históricos, celebrarase en Sarria os días 6 e 7 de decembro no edificio do cárcere antigo de Sarria. Antón Bao sinalou que a celebración de cursos como este “é a sinal inequívoca do alto nivel musical existente nas comarcas lucenses e da preocupación dos músicos actuais por coñecer e recuperar os orixes dos instrumentos e das sonoridades que forman parte do noso patrimonio e da nosa historia”. Bao lembrou a importante tradición que a comarca de Lugo e a propia deputación de Lugo tivo na recuperación de instrumentos como a zanfona ou o importantísimo traballo de reconstrución dos instrumentos do pórtico da gloria da catedral de Santiago “un coñecemento e unha tradición que sen dúbida está ligada ao camiño de Santiago e como podemos comprobar mantense viva no camiño e concretamente en Sarria”. O principal obxectivo deste curso é ter unha toma de contacto tanto teórica como práctica cos instrumentos de vento históricos. As clases serán tanto individuais como colectivas e estarán apoiadas con talleres de luthería. Un curso idóneo para todos aqueles que senten curiosidade polas orixes do seu instrumento moderno e queren probar os seus antecesores. Durante a fin de semana analizarase a historia, orixe, morfoloxía, mecánica e sonoridade de instrumentos como a trompeta natural e barroca, a corneta renacentista (cornetto), a chirimía, o sacabuche, o serpentón, o bajón, o bajoncillo, os cromornos, as frautas de bico, os traversos renacentistas, os traversos barrocos e instrumentos de percusión en xeral. MESTRES DE RECOÑECIDO PRESTIXIO Para este curso desprazaranse ata Sarria mestres de recoñecido prestixio procedentes de diferentes partes de Galiza e do estado. Cada un deles está especializado en instrumentos ou familias de instrumentos e impartirán aulas de técnica interpretativa, construción, reparación, teoría, fabricación de lingüetas, etc.. Elíes Hernandis Oltra SACABUCHE ALTO E TENOR: Técnicas históricas, boquillas, interpretación histórica e iniciación á glosa. Conxunto de sacabuches. Fernando Pérez Valera CONXUNTOS DE MINISTRILES. Ensemble de Orlos. Axuda de Corneta (Tipos de cornetas, técnicas e boquillas históricas, investigación sobre construción). Juan Alberto Pérez Valera CHIRIMÍAS (tiples Re e Do, altos Sol e Fa, Tenor Do). Técnicas históricas (Chirimías versus Oboes populares). Fabricación de lingüetas históricas. Luis Alfonso Pérez Valera SERPENTÓN (dixitación e técnica de boquilla e buratos). Axuda de Sacabuche (Boquillas e reproducións históricas) Eduardo Pérez Valera BAJÓN E BAJONCILLOS. Técnicas históricas e fabricación de lingüetas. Abraham Cupeiro López TROMPETA NATURAL E CORNETTO. Técnicas históricas, boquillas e modelos históricos. Investigación sobre a construción dos instrumentos de vento metal. Carlos Vázquez López PERCUSIÓN: Técnicas históricas, percusión digital, investigación sobre gravados. María Ruiz Santos TRAVERSO RENACENTISTA E BARROCO: Interpretación histórica e modelos de traversos, estudo de gravados.