Deputación de Lugo

A Deputación conclúe en Palas de Rei as actuacións do Plan Extraordinario dotadas con máis de 450.000 euros

O Presidente e o Alcalde supervisaron os traballos que vén de rematar a institución na CP 4011, a estrada que une a localidade palense co cemiterio municipal que conta agora con beirarrúas e cun acceso peonil para garantir a seguridade dos seus viandantesO organismo provincial mellorou máis de 2 quilómetros da CP 2901, o vial que une este Concello da Ulloa coa capital lucense, ademais de ser o principal acceso á A-54Besteiro instou á Xunta a axilizar os trámites para que o Castelo de Pambre sexa público e salienta “non ter moitas esperanzas” de que o Goberno galego cumpra co compromiso asumido antes do 22-M porque “o Museo da Romanización espera o soño dos xustos mentres se desconcha o edificio, a Muralla non se limpa e para o San Froilán non hai cartos”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, con quen o titular provincial mantivo ademais un encontro previo, dando así resposta á petición do Rexedor, supervisou este mércores as obras de mellora que vén de rematar a institución luguesa na CP 4011 do cemiterio a Tarrío, para as que achegou 180.000 euros. Trátase da última actuación do Plan Extraordinario de Obra Pública no Concello da Ulloa logo de que o organismo provincial investise outros 272.000 euros de dita programación no acondicionamento da CP 2901, principal acceso dende o municipio palense coa A-54. A Deputación concluíu deste xeito, as actuacións do Plan Extraordinario en Palas de Rei dotadas con máis de 450.000 euros.

A institución arranxou o treito da CP 4011 que une a localidade palense co cemiterio municipal, concretamente dende o punto quilométrico 0,187 ó 0,637. Ademais de mellorar o firme con aglomerado en quente, incrementar o ancho da estrada a 6 metros, realizar as tarefas de saneamento, canalización de augas pluviais, pintado horizontal e vertical, a Deputación dotou a este vial de beirarrúas, así como dun acceso peonil, co obxectivo de facilitar o acceso ó cemiterio e garantir a seguridade dos viandantes.

No caso da CP 2901, a estrada que comunica este municipio da Ulloa coa cidade de Lugo e que fai de nexo de unión coa autovía de Santiago, o organismo provincial aplicou aglomerado en quente, ensanchou a calzada pasando dos 4 ó 6 metros e instalou sinalización horizontal e vertical en máis de 2 quilómetros, dende o punto quilométrico 34,183 ó 36,114. A maiores, construíu unha senda peonil de 500 metros dende as inmediacións do núcleo urbano ó río.

Apoio ó Castelo de Pambre

Gómez Besteiro instou á Xunta a axilizar os seus trámites para que o Castelo de Pambre pase a ter titularidade pública. O Presidente salientou “non ter moitas esperanzas” de que o Executivo galego cumpra coa palabra dada ós veciños deste municipio meses antes das eleccións municipais cando se comprometeu a mercar a única fortificación medieval militar que logrou sobrevivir a guerra dos Irmandiños no século XV, tendo en conta que “o Museo da Romanización espera o soño dos xustos mentres se desconcha o edificio, a Muralla non se limpa e para o San Froilán non hai cartos. A xente percibe recortes nos servizos públicos e tamén no que se dixo que se ía facer e non se fai”.