Deputación de Lugo

Preto de 500 persoas reservaron rutas de Km0 na plataforma de comercio electrónico da Deputación dende a súa posta en marcha

Os participantes no programa medioambiental que optan por esta alternativa rápida e sinxela para inscribirse teñen un desconto do 10% no custe das actividades 48 persoas anotadas de xeito individual e outros 48 usuarios do Centro para Discapacitados Intelectuais de Mondoñedo redescubriron hoxe a Zona Sur

Medio milleiro de persoas reservaron rutas de Km0 a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación www.losproductosdelugo.com dende a apertura deste primeiro centro comercial virtual da provincia, en maio do pasado ano. Ademais de facelas reservas dun xeito rápido e sinxelo, dende a propia casa e a calquera hora do día, calquera día do ano, os participantes no programa medioambiental que optan por esta alternativa para inscribirse teñen un desconto do 10% no custe das actividades. Deste xeito, o prezo é de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, se o pago se fai persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), ou nas sucursais de NovaGalicia, mentres que, se se fai a través de www.losproductosdelugo.com o custe é un 10% inferior. Da modalidade de pago quedan excluídos en calquera caso todos os colexios e institutos públicos.

Para reservar as rutas de Km0, o usuario tan so ten que entrar en www.losproductosdelugo.com e pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. A oferta de Km0 súmase a outras propostas de lecer vinculadas co medio ambiente tamén incluídas na plataforma de comercio electrónico, como as do parque zoolóxico Avifauna e Marcelle Natureza, ambos en Outeiro de Rei, ou a de Ancares de Meu, un complexo de turismo rural activo radicado en Cervantes. En conxunto, a tenda virtual posta en marcha pola Deputación hai dez meses conta cunha oferta de 27 empresas e 197 produtos e servizos, relacionados con sectores como a alimentación, artesanía, moda, lecer, formación, óptica ou estética. Á plataforma pode adherirse calquera empresa lucense que estea interesada, para o cal debe presentar no Rexistro Xeral da Deputación unha solicitude e a documentación necesaria, sobre a que teñen toda a información na web www.deputacionlugo.org

O programa Km0, cofinanciado con fondos europeos, recibiu no último ano a través de Internet preto de 2.000 visitas, das que a maioría foron de Lugo, cun 40%; seguido de Madrid, cun 36%, e xa, a maior distancia, A Coruña, con 103 visitas; Santiago, con 55; e Vigo, con 38. Fóra de España, destacan as 57 visitas realizadas dende Arxentina.

A Ribeira Sacra copa esta semana a programación
Polo que respecta ás rutas de Km0 desta semana, a Ribeira Sacra copa a programación, pois é o destino de 4 dos 5 itinerarios que terán lugar entre hoxe e o xoves. Deste xeito, os municipios da Zona Sur recibirán a visita de 197 persoas grazas a esta iniciativa, mentres que 55 desprazaranse a Ribadeo. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a 48 persoas inscritas de xeito individual, que fixeron a ruta Ferrería de Penacoba. Este colectivo visitou despois o Centro de Interpretación Santa Isabel para desprazarse logo á localidade sarriana de Oural, onde comeu no restaurante Cantina de Inés, e ó municipio de Bóveda, onde coñeceu a aula da natureza Os Trollos, a capela do Ecce Homo de Rubián e o seu entorno, e o Pazo dos Marqueses da localidade, e fixo un tramo da ruta Río Nocedo. Hoxe tamén participaron no programa 48 usuarios do Centro para Discapacitados Intelectuais de Mondoñedo, que gozaron dun percorrido por adegas e Miradoiros da Ribeira Sacra. O percorrido comezou no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, e xa en Sober, os participantes fixeron unha ruta por Pena do Castelo e visitas á olería de Gundivós e ó Santuario de Cadeiras. A comida tivo lugar no restaurante La Cantina, no núcleo soberino de Doade.

Para mañá están previstas dúas novas viaxes pola Zona Sur: unha por Sober, que farán 48 usuarios do Centro de Convivencia Díaz Castro de Lugo, e outra por Chantada, na que están inscritos 48 integrantes da Asociación de Veciños de San Esteban de Mota, en Guntín. O colectivo lucense achegarase ó Mazo de Santa Comba e gozará na adega Algueira dunha degustación e unha comida, para realizar despois un paseo en catamarán por Amandi. Pola súa banda, os veciños de Guntín estarán no Centro de Interpretación Terras do Miño e dende alí viaxarán a Chantada, onde comerán no restaurante Mogay; coñecerán a presa de Belesar e o pobo; farán parte da ruta de Pesqueiras, e visitarán a adega Vía Romana.

O programa desta segunda semana de marzo remata o xoves cun percorrido por Ribadeo, solicitado pola residencia do Incio. 55 persoas coñecerán a olería de Bonxe para desprazarse despois á vila mariñana e realizar unha travesía en barco pola ría, subir no ascensor panorámico do peirao de Porcillán e pasear polo casco histórico, onde poderán visitar o Convento das Clarisas.

Como inscribirse
Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó número de teléfono 982-26-74/75; entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org ou ben accedendo á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a plataforma de comercio electrónico da Deputación.