Deputación de Lugo

Deputación e Concello apostan por Viveiro como referente en España da música alternativa

Imaxe deputación de lugo
Entidade provincial e local colaboran no festival Viveiro Hardcore Assault!, que organizaron catro mozos do municipio mariñano para este venres, ás 22.00 horas, no Casino Club Náutico da cidade O certame naceu a raíz do interese de dúas bandas italianas por tocar en Viveiro, o que demostra a sona que xa ten a localidade como un dos epicentros do país desta corrente musical As entradas, a un prezo de 5 euros, poranse á venda xusto antes do evento, que inclúe o sorteo dunha cesta de roupa entre os asistentes

O Concello vivariense é o berce dunha nova iniciativa cultural: o Viveiro Hardcore Assault! Promovido por catro mozos do municipio mariñano, o festival conta coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello, que apostan así por consolidar Viveiro como referente en España da música alternativa, unha sona que queda demostrada na mesma orixe do certame, pois os organizadores animáronse a poñelo en marcha cando dúas bandas italianas lles pediron axuda para facer un concerto na cidade do Landro, o único lugar da Península ó que querían ir, xunto con Xirona, dentro da súa xira por Europa. Non era ademais a primeira vez que algún grupo lles solicitaba axuda para montar unha actuación na zona.

O alcalde viveirense, Melchor Roel, e o portavoz dos organizadores, Fabio Fernández, presentaron este mércores na Fundación TIC o certame, que terá lugar o venres, ás 22:00 horas, no Casino Club Náutico, entidade que cede de xeito gratuíto o local e material técnico. Neste senso, Roel subliñou que “esta é unha iniciativa da xuventude de Viveiro en torno a un panorama musical do que o noso Concello xa é un referente en Europa. Xa fai uns anos, en 2006, comezouse cun concerto de Hardcore a nivel local e hoxe grazas ó traballo dos xóvenes que apoiaron este proxecto somos referencia desta nova forma de entender a música. Agora a Deputación e o Concello damos un novo impulso a esta iniciativa e a un novo espazo musical”.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e poñeranse á venda antes do acto. Os promotores –que, ademais de Fabio Fernández, son Iago Salgueiro, Eric Gómez e Guille Vázquez- agradecen o apoio de Deputación e Concello, así como do propio Casino e dos establecementos comerciais e empresas de Viveiro para levar adiante o evento, unha axuda que incluso superou as súas expectativas e levounos a ampliar as dimensións do festival, pasando das tres bandas inicialmente previstas a catro. As firmas colaboradoras son: Pizzería Pizzbur, La Family, Cervecería Vikinga Punto Galego, Sixties, Mesón A Fonte, Restaurante La Paz, Complejo Hotelero Las Sirenas, Pub Punto y Aparte, Bar Galeón, Parrillada Tomás, Bodegas Ribeirao, Pub Copas, Moda Jim, Quasar, Peluquería Lourdes Calvo, Panadería Novo e THC (que sorteará unha cesta con artigos de roupa entre os asistentes).

Un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente do organismo provincial, gravará os concertos, que serán ofrecidos polas seguintes bandas:

- “For Ophelias Death”: Procedentes de Lisboa, dan en Viveiro o seu primeiro concerto na comunidade galega. Os lusos participaron no concurso de bandas para tocar no Resurrection Fest e chegaron á final, polo que están a espera de saber se acoden a este certame, que se celebra a finais de xullo.

- “New Reason”: Cinco mozos de Viveiro compoñen este grupo, que actúa dalgún xeito de anfitrión, pois tres dos seus integrantes forman parte da organización do festival.

- “Daily Grind” e “Blasting Enema”: Son as dúas bandas italianas que lle solicitaron axuda ós mozos viveirenses para montar un concerto na cidade do Landro, a única cidade española na que actuarán, xunto a Xirona.

Polos pequenos concertos

O Viveiro Hardcore Assault! nace co propósito de aumentar a sona que xa ten o Concello mariñano como epicentro no país desta corrente musical, consecuencia da repercusión do Resurrection Fest - considerado un dos grandes de Europa e que na edición do pasado verán reuniu a 13.000 persoas- pero tamén do gran número de grupos deste estilo existentes na zona. O obxectivo é fomentar a organización de pequenos concertos con asiduidade, igual que ocorre noutros núcleos do hardcore en Galicia, como A Coruña e Vigo, para que as bandas que non teñan a oportunidade de participar no Resurrection Fest poidan mostrar a súa música igualmente en Viveiro.

O evento serve deste xeito para achegar grupos estranxeiros á comarca da Mariña, pero tamén para evitar a desaparición dos concertos a pequena escala en Viveiro, tralo peche de salas axeitadas como unha que había no porto e o “Txiri” –que foi traspasado-. Ademais, dá á propia banda viveirense “New Reason” a oportunidade de tocar diante do seu público, “demostrando que también sabemos darlo todo sobre el escenario”, apuntaron os seus integrantes.