Deputación de Lugo

A Deputación inicia o proceso de adxudicación do edificio principal da UNED por valor de 1,2 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste venres aprobará a licitación conxunta do proxecto e dos traballos, que permitirá aforrar os 105.000 euros do aluguer do espazo da Cámara de Comercio no que se sitúa na actualidade o centro formativoA Deputación rematará a vindeira semana os traballos de demolición do bloque 2, que incluén o acondicionamento de 2.000 m2 nos que se emprazará o aparcadoiro da UNEDO vindeiro luns comezará a funcionar no Hotel Miño o Arquivo provincial no que traballarán os 14 contratados do Lugo Emprega e os 4 profesionais que xa prestan este servizo na Deputación

A Xunta de Goberno deste venres aprobará por valor de preto de 1,2 millóns de euros a licitación conxunta do proxecto e da obra da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que se situará no antigo Hotel Miño. Deste xeito, o organismo provincial e o Concello de Lugo dán un paso máis para avanzar nos trámites do traslado do centro educativo ás instalacións que a Deputación está a acondicionar na zona da Tolda. Deste xeito, a partir de mañá ábrese o prazo para que as empresas interesadas na execución destes traballos presenten as súas ofertas. A obra quedará adxudicada en dous meses.

Con estes traballos, financiados na súa totalidade polo organismo provincial, a sede oficial da UNED converterase no centro de primeiro nivel do noroeste de España, destacando entre os de Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca. Disporá de 1.993 metros cadrados útiles que se distribúen do seguinte xeito:

- Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.

- Na primeira pranta (536 m2) habrá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.

- Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.

- A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terrraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.

Remate das obras de demolición

Asimesmo, a Deputación rematará a vindeira semana os traballos de demolición do bloque número 2, que inciou este luns e que incluén o acondicionamento dun espazo de preto de 2.000 metros cadrados no que se emprazará o aparcadoiro que será empregado polos usuarios do centro formativo, así como polos traballadores do Arquivo Provincial, da Axencia Provincial da Enerxía e das brigadas de mantemento da Deputación que se localizarán no bloque 3.

O organismo provincial tamén está a ultimar o traslado do actual arquivo, que comezará a funcionar no Hotel Miño a partir do luns, 16 de maio. Nas novas dependencias instalaranse os 14 empregados que a Deputación contratou co Plan Lugo Emprega, ademais dos 4 que xa prestan este servizo na actualidade. Os profesionais encargaranse de todas as tarefas correspondentes á dixitalización e catalogación da información, de tal xeito que a Deputación, ademais de contribuír a reducir o desemprego na provincia, potencia este servizo que ten un gran valor, non só como ferramenta administrativa, senón como medio de conservación da historia da institución e da provincia.

O organismo provincial buscou un novo emprazamento do Arquivo, xa que o actual non reúne as condicións necesarias ó presentar problemas de humidade, o que dificultaba a conservación do material das máis de 12.000 unidades de instalación entre os tres depósitos que ten o Arquivo actualmente, que se sitúan 2 no Pazo de San Marcos e 1 no INLUDES.

O Hotel Miño, útil á provincia

O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984, pero nunca cumpriu os fins para os que foi adqurido. Neste senso, co obxectivo de facelo útil á provincia e logo de que a Xunta de Galicia rexeitase a petición da Asociación Provincial da Hostelalería para a instalación dun centro de formación nestas instalacións, a Deputación e o Concello situarán conseguen darlle un uso público situando no mesmo a UNED. Ademais, coa nova sede o organismo provincial aforrará os 105.000 euros anuais do aluguer do espazo da Cámara de Comercio onde, na actualidade, se sitúa o centro formativo.