Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo navega esta fin de semana a Portomarín con motivo da Festa da Augardente

Imaxe deputación de lugo
O festexo terá lugar o domingo, pero a embarcación tamén estará o sábado na vila. Emprazarase no campo da festa, e os veciños e visitantes poderán visitala en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:00A Deputación denuncia que lle resultou imposible desprazar a aula turística medioambiental a Sober, Cospeito e O Incio porque os concellos non facilitaron localizacións

Portomarín recibirá esta fin semana a visita do Barco Muralla de Lugo con motivo da Festa da Augardente, unha das celebracións senlleiras da provincia que se celebra cada Domingo de Pascua e que chega este ano á súa cuadraxésimo primeira edición. O Ministro de Fomento, José Blanco, será o encargado de ler o pregón do festexo, no que se pode apreciar a elaboración artesanal da augardente e degustala, ademais de gozar de diversos actos culturais e folclóricos. A festa celébrase o domingo, día 24, pero a aula turística medioambiental da Deputación tamén poderá visitarse o sábado. Estará emprazada no Parque Agustín del Río, no campo da festa da vila, e o horario de atención ó público será de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:30.

Tras fondear en Portomarín, a aula turístico medioambiental que difunde a Costa e os recursos naturais da provincia continuará o seu percorrido pola xeografía lucense. A Deputación denunciou neste sentido que quixo desprazar o Muralla de Lugo a O Incio, Sober e Cospeito, pero resultoulle imposible porque os concellos non facilitaron emprazamentos. Ademais, no caso de Antas de Ulla e O Páramo, cando estaba pechado o desprazamento da nave para as próximas semanas, os entes locais decidiron retrasalo para finais de maio e principios de xuño. O organismo provincial critica que estas incidencias están a dificultar a labor de promoción dos recursos da provincia á que está destinada a embarcación, obrigando a cambiar o calendario de viaxes previsto en varias ocasións, cando ademais está cofinanciada pola Unión Europea e conta cuns prazos concretos.

Neste sentido, recalca que o obxectivo da aula turística medioambiental non é outro que aproveitar as celebracións nas que se concentra un gran número de xente para poñer en valor e difundir os atractivos naturais de Lugo. A Deputación botou o barco en xuño do ano pasado no marco do programa medioambiental Lug02, dotado de 5 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. Foi construído por unha empresa de Burela e pintado en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que cederon na súa totalidade e de maneira gratuíta as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.