Deputación de Lugo

A Deputación instala estes días o equipamento para dotar de Internet á Praza de San Marcos

Os cidadáns poderán conectarse á rede dende calquera dispositivo que dispoña de tecnoloxía wifi, ben sexa un ordenador portátil, teléfono móbil ou PDA, entre outrosHaberá cobertura na fachada principal da sede do organismo provincial, na parte traseira do inmoble, nos salóns de actos e de plenos e na sala de xuntas. O sistema estará operativo cando rematen as obras de reurbanización da praza

A Deputación de Lugo desenvolve estes días os traballos de instalación do equipamento técnico necesario para dotar á Praza de San Marcos dunha rede wifi pública a través da que os cidadáns poderán acceder de xeito gratuíto a internet. Esta será a primeira praza wifi da capital lucense. Estanse a instalar 15 dispositivos, que darán cobertura tanto na parte frontal da sede do organismo provincial, como na súa zona traseira e nos xardíns interiores, así como no propio interior do inmoble, onde o servizo poderá utilizarse nos salóns de actos e de plenos e na sala de xuntas.

O sistema estará listo para entrar en funcionamento en canto conclúan as obras de reurbanización que se están levando na praza de San Marcos. Os usuarios poderán conectarse á rede dende calquera dispositivo que dispoña de tecnoloxía wifi, ben sexa un ordenador portátil, teléfono móbil ou PDA, para facer calquera consulta ou trámite coa Administración a través de internet. A maiores, nas zonas de traballo do edificio da Deputación tamén haberá acceso á internet por medio da habilitación dunha rede corporativa, destinada a empregados da institución, o que implica que para acceder deberán introducir un nome de usuario e unha clave. A rede wifi instalada terá capacidade para que se conecten ata uns 700 persoas ó mesmo tempo.

Os usuarios poderán dispoñer dun máximo de 256 kas, a velocidade máxima permitida para espazos públicos con wifi. Outra das restricións fixadas para este tipo de servizos é que non se poden prestar a zonas de vivendas particulares.

A creación dunha zona wifi en San Marcos forma parte do proxecto Innova-TE que desenvolve a Deputación cun 70% de financiamento da Unión Europea para despregar Administración Electrónica na provincia.

De xeito paralelo, o Goberno provincial levará a cabo unha medida de aforro enerxético no Pazo, substituíndo as bombillas tradicionais de vapor de mercurio das oito farolas situadas na fachada por 57 leeds, que duran 25 veces máis. Con esta iniciativa mellorarase a iluminación e a estética da zona, e reducirase o gasto en alumeado en máis de 800 euros.

Paseo interior da Muralla

A actuación compleméntase así mesmo coas obras que está a desenvolver o Concello a través do Plan Urban neste entorno e coas que, por unha banda, se remodela a Praza de San Marcos, que pasará a ser peonil, e por outra, incorpóranse os xardíns traseiros do pazo provincial ó paseo interior da Muralla. Deste xeito, un acordo do ente local coa Deputación e coa comunidade de propietarios da Rúa do Teatro permitiu derrubar dous muros e abrir a parcela e os xardíns situados na parte traseira do Pazo para conseguir uns 250 metros transitables do paseo interior da Muralla.

Esta serie de accións converterán á Praza de San Marcos e ó entorno da sede da Deputación nun moderno e amplo espazo público, esteticamente mellorado e punteiro en canto á implantación das novas tecnoloxías.