Deputación de Lugo

Deputación e Concello acondicionan unha finca para futuro aparcamento gratuíto no HULA

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste venres aprobará o convenio no que o organismo provincial achega 100.000 euros para a adecuación desta parcela municipal de 25.000 m2As dúas administracións impulsan conxuntamente esta iniciativa logo de que a Xunta privatizase este servizo e obrigase a pagar por el, o que provocou numerosas protestas de veciños e do persoal sanitarioDatos oficiais da Xunta demostran que esta non garante os servizos mínimos de benestar na provincia, xa que nos centros residenciais e de día hoxe existe un déficit de máis de 1.000 prazas. Pola contra, a Deputación adxudicará nos vindeiros días os centros para maiores de Castroverde, Trabada e Pol

A Xunta de Goberno da Deputación deste venres aprobará o convenio de colaboración que o organismo provincial asinará co Concello de Lugo, a través do cal se acondicionará unha parcela de propiedade municipal en San Cibrao como futuro aparcamento gratuíto do Hospital Lucus Augusti. Neste senso, segundo este acordo, a Deputación realizará unha achega de 100.000 euros para acometer esta actuación nunha parcela que está situada na mesma entrada do centro sanitario. Ten unha superficie de 25.000 metros cadrados, o que permitirá a creación de ata 1.000 prazas nas que se poderá estacionar de balde. A finca conflúe coa estrada provincial que vai de Castelo a Cima de Vila.

O organismo provincial e a entidade local impulsan conxuntamente esta iniciativa logo da decisión adoptada pola Xunta de Galicia para que este servizo sexa privado e haxa que pagar por el. En novembro de 2010, a Administración autonómica adxudicou á empresa Aljamil a xestión tanto as 750 prazas para uso do persoal e de servizos comúns como das 636 de usos libres do aparcadoiro subterráneo, o que provocou unha avalancha de protestas por parte de usuarios e facultativos do hospital. Precisamente, en marzo, o persoal do HULA manifestara publicamente que as prazas do aparcamento non son suficientes para todos os empregados do centro sanitario. Deste xeito, grazas ó acordo que subscribirán ambas as dúas administracións, os usuarios do hospital disporán dun novo lugar para o estacionamento sen ter que aboar os 7,10 euros por día fixados polo SERGAS polo uso do aparcadoiro subterráneo existente.

A Deputación suple á Xunta

Con esta actuación, a Deputación apoia a proposta do Concello e suple unha vez máis á Xunta de Galicia que, malia que ser a responsable en materia de Sanidade. Ademais, a administración autonómica tampouco garante os servizos mínimos en materia de benestar e atención sociosanitaria en Lugo.

Segundo a análise e diagnose dos servizos sociais na provincia, elaborado pola Área de Benestar que dirixe a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, demóstrase que Lugo incumpre os límites establecidos, a pesar de que é unha das provincias galegas co maior número de habitantes maiores de 65 anos. En total, 98.264 persoas.

Polo que se refire a centros de día, Lugo conta con 925 prazas, mentres que o Mapa Galego de Equipamentos e Servizos Sociais (MGESS) da Xunta de Galicia establece unha ratio de cobertura mínima do 2% sendo a actual do 0,94. Esta diferenza implica un déficit de 1.040 prazas. Asimesmo, sobre os centros residenciais, a provincia dispón de 3.745 prazas, pero o MGESS fixa a cobertura máxima no 5%, moi por riba da actual, que se sitúa no 3,8%. É dicir, neste caso existen 1.168 prazas menos das necesarias.

En prazas ocupacionais para persoas con discapacidade intelectual hai 116, co que só se cubre 11,84% da demanda. Neste caso, a ratio obxectiva é do 15%. En cobertura de prazas asistenciais para persoas con discapacidade intelectural, Lugo atópase no 34,91%, mentres que o aconsellado polo MGESS é do 65%.

Residencias Deputación

Para paliar esta situación e tendo en conta que a Xunta tampouco non manifestou ningunha proposta de uso para as instalacións do antigo Hospital Xeral de Lugo, a Deputación continúa cos trámites para avanzar na construción de 12 residencias da terceira idade e centros de día. Precisamente, nos vindeiros días adxudicaranse as obras das de Castroverde, Trabada e Pol. A continuación, serán contratadas as de Guitiriz, Pedrafita e Meira para logo facer o mesmo coa de Ribas de Sil. Asimesmo, o organismo provincial, logo da aprobación da adquisición dos terreos, xa está a redactar os proxectos para a construción das infraestruturas de Saviñao e Navia de Suarna.

No caso do Concello de Pobra de Brollón, a Deputación xa aprobou o convenio do centro da 3º idade, respaldado polo Pleno cun orzamento de 1,2 millóns de euros e, na de Riotorto, estase pendente de que a entidade local adquira os terreos. En Fonsagrada, cumprindo os prazos marcados, o Concello cederá este mesmo mes o edificio Fundación Rois de la Peña para que a Deputación inicie as obras. O organismo provincial asumiu a construción desta infraestrutura debido á falta de incumprimento da Xunta de Galicia, ó igual que en Becerreá. Neste caso, o organismo provincial encargarase da redacción do proxecto que será posto a disposición da Xunta para que esta a execute, tal e como se comprometeu en varias ocasións. En total, xunto coa subvención de 120.000 euros para rematar as obras da residencia de Monterroso, a Deputación inviste 15.550.000 euros en 12 novos centros para maiores.