Deputación de Lugo

Deputación, Concello e Asociacións de Empresarios e Montes pactan a ampliación do solo industrial en Guitiriz

A negociación inclúe que o 40% dos novos postos de emprego serán, por esta orde, para os veciños de Santa Mariña e San Xoán de Lagostelle, Guitiriz e provincia As partes pecharon o acordo logo de que a Xunta non crease durante anos solo industrial en Pardiñas imposibilitando o asentamento de empresas ó contar con parcelas de só 500 m2 Montes cederá máis de 7millóns de m2, os empresarios sufragarán a urbanización dos terreos e xestionarán os trámites que axilizará o Concello quen, coa Deputación, formará ó novo persoalGómez Besteiro salientou que “esta unión é unha lección histórica xa que, no momento actual, é moi difícil atopar estas fórmulas de xestión, que deben facer de exemplo noutros Concellos. Á marxe das eleccións, este proceso non hai quen o pare”

Deputación, Concello de Guitiriz, Asociación de Empresarios do polígono guitiricense e os colectivos de Montes das parroquias de Santa Mariña e San Xoán de Lagostelle de dito municipio, acordaron este xoves o impulso e a ampliación do polígono de Pardiñas. As partes implicadas pactaron novas medidas de actuación para favorecer o asentamento de empresas e a creación de postos de traballo na provincia mediante a creación de solo industrial. Trátase dun acordo sen precedentes no municipio chairego que ten como fin último a creación en Pardiñas da maior plataforma loxística e de servizos do norte de Galicia.

O titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, xunto ós Presidentes das asociacións de Empresarios do Polígono Industrial, Pablo Gómez Polín, e os das Comunidades de Montes de Santa Mariña e San Xoan Lagostelle, Antonio Fernández Santamariña e Antonio López Arias respectivamente, estableceron que:

- Ambas as dúas Comunidades de Montes poñerán a disposición do polígono de Pardiñas un total de 7.410.0000 metros cadrados para o asentamento de novas empresas. Serán cesións mediante o dereito de superficie. Isto conleva, o arrendamento do espazo por un período mínimo de 30 anos -prorrogable a 90 anos- polo que se pagará un canon anual previamente establecido. Os seus representantes destacaron que “non queremos que existan inconvenientes para o afincamento de novas empresas en Guitiriz”.

- O colectivo de empresarios farase cargo das obras de urbanización deste terreos, así como da posta a punto das instalacións comúns da nova zona industrial. Ademais, tamén se encargará da xestión dos trámites administrativos necesarios (proxectos ou licenzas) para o desenvolvemento das iniciativas emprendedoras. Pablo Gómez subliñou que “este non é un acto político senón empresarial, que quede ben claro porque, aínda que haxa eleccións, as empresas non vamos a parar co fin de obter maiores beneficios, máis rendibilidade e unha bolsa de emprego capaz de abarcar toda a Comarca e que fixe poboación. Non pode ser que os mozos teñan que facer as maletas ó non atopar traballo”.

- Ó Concello de Guitiriz compételle axilizar ditos trámites e xestións para a creación das entidades e as súas factorías. Para elo, deberá contar coa máxima colaboración do Goberno galego como responsable último de permisos imprescindibles para, por exemplo, converter o solo rústico en urbano de uso industrial.

- A Deputación, xunto co Concello, levará a cabo cursos de formación especializada para os futuros empregados. As partes pactaron que o 40% dos postos de traballo que se xeren serán, por esta orde de preferencia, para veciños das localidades de Santa Mariña e San Xoán de Lagostelle, das restantes localidades do municipio de Guitiriz e finalmente, da provincia. Ademais, co obxectivo de facilitar vías de comercialización ás novas entidades, o organismo provincial integraraas na 1º plataforma de comercio electrónico que arrincará este mesmo mes, sufragada ó 100% pola Deputación. A incorporación nesta iniciativa garante a posta á venda dos seus produtos a custe cero. Besteiro salientou que “esta unión é unha lección histórica xa que, no momento actual, é moi difícil atopar estas fórmulas de xestión, que deben facer de exemplo noutros Concellos. Á marxe das eleccións, este proceso non hai quen o pare”.

Situación estratéxica

O primeiro Plan Estratéxico da provincia elaborado pola Deputación define o polígono de Pardiñas como un espazo punteiro e clave no norte da Comunidade para levar a cabo proxectos empresarias que redunden no impulso da economía. Limita coas provincias de Lugo e A Coruña, fai de importante nó de enlace de comunicacións coas autovías A-6 e A-8, coas estradas nacionais N-VI e N-634, así como da vía de ferrocarril que transcorre paralela á N-VI. Ademais, atópase próxima ós aeroportos de Lavacolla e Alvedro. Nembargantes, malia as súas oportunidades económicas, a Xunta -administración responsable da creación de solo industrial en Pardiñas- non puxo a disposición do empresariado novo espazo. Isto supuxo que, na actualidade, só existan parcelas de 500 metros cadrados, facendo imposible o afincamento de empresas de mediana magnitude.

Apoio ó sector empresarial

A maiores deste acordo, e dentro da firme aposta polo impulso do tecido empresarial da provincia, Deputación e Concello de Guitiriz están a colaborar coa Asociación de Empresarios do Polígono chairego na creación dun centro loxístico de transportes no polígono de Pardiñas. O organismo provincial vén de conceder unha subvención de 30.000 euros para a construción dun local que permita ós empresarios axilizar este pioneiro proxecto en Galicia que, previsiblemente segundo os empresarios, estará en marcha en xuño. Isto conleva: a creación inicial de 10 postos de traballo directos no municipio; que as firmas adheridas gañen competitividade ó conseguir unha redución dos custes de explotación do negocio, sobre todo os de combustible; a mellora da súa operatividade; e o crecemento do seu volume de negocio. O centro supón un investimento de 1 millóns de euros adicados a avalar ante as petroleiras as compras de combustible durante o primeiro medio ano de funcionamento. O obxectivo é que, tras ese período de seis meses, o centro se autofinancie cos recursos que xere.

Da mesma forma, Deputación e Concello de Guitiriz puxeron en marcha neste municipio chairego o 1º viveiro de empresas rural de Lugo. Trátase dun servizo no que, logo da contratación de novo persoal, ofrece ós emprendedores asesoramento, formación, apoio persoal técnico e locais para o arranque dos seus proxectos.