Deputación de Lugo

Aberto o prazo de inscrición nas actividades de Lugoteando que haberá esta fin de semana na Montaña

O sábado en Becerreá e o domingo na Fonsagrada, o programa da Deputación ofrece innovadoras propostas como paseos en “segway” -un vehículo de dúas rodas con motor eléctrico-, circuítos en monopatín ou un simulador de surf A inscrición pode facerse chamando ós teléfonos 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben in situ antes de comezalas actividades. Os interesados en obter máis información poden dirixirse ás web www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es

O programa de actividades lúdico medioambientais Lugoteando impulsado pola Deputación de Lugo arrancará esta fin de semana na comarca da Montaña: o sábado terá lugar en Becerreá e o domingo, na Fonsagrada. A inscrición xa está aberta e pode formalizarse chamando ós números de teléfono 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben na propia localización das actividades antes de que comecen.

Mozos a partir de 7 anos, pero tamén maiores, poderán gozar de entretidas e innovadoras propostas:

- Paseos en “segway”: un vehículo de transporte persoal con dúas rodas e motor eléctrico no que hai que inclinarse á dirección que se queira tomar para avanzar

- “Longboard street”: circuítos en monopatín con monitores para ensinar como se usan

- Simulador de surf: unha mestura entre xogo e deporte que funciona como un toro mecánico, pero con táboa de surf

- Circuítos en patíns eléctricos

No concello becerrense, as actividades terán lugar no recinto do mercado gandeiro, mentres que no fonsagradino celebraranse na Praza do Museo. En ámbolos dous casos, o horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

No río Miño e A Mariña

Trala Montaña, a programación de Lugoteando, en cuxa organización colabora o Concello de Lugo, continuará no entorno do río Miño, na capital lucense, os días 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Nesta segunda edición e como novidade tamén haberá actividades na Costa, que terán lugar os días 11 e 12 de maio en Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

En Lugo e A Mariña, mantense a oferta que tivo maior aceptación o ano pasado: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; e wakeboard, combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa.

A todas elas, incorpóranse novidades como a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

Paseos en catamarán e batuxo

O programa inclúe de novo a modalidade Ligoteando, que ten como escenario o río Miño, pero esta vez oferta tres novas versións, que comezarán ás 20:00 horas:

- Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: 13 e 27 de maio, e 4 de xuño.

- Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Días: 14 e 21 de maio.

- Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio.

Para inscribirse

A inscrición en Lugoteando pode facerse nos números de teléfono 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben in situ, antes de que comece cada actividade –o que non asegura que haxa prazas libres-. Para máis información, os interesados poden dirixirse ás web: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es  ou chamar ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.