Deputación de Lugo

O Arquivo da Deputación comezará a funcionar na primeira quincena de maio no Hotel Miño

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de adecuación do edificio 3 no que se instalarán os 14 empregados que se contratarán co Lugo Emprega, os da Axencia Provincial da Enerxía e os da brigada de mantemento280 persoas inician hoxe o probas de acceso a estes postos de traballo, que se engaden ós 4 existentes que prestan este servizo na Deputación, e que se encargarán das tarefas de dixitalización e de documentaciónO organismo provincial continúa cos avances do traslado da UNED ó inmoble da Tolda e dá o visto e prace á demolición do edificio 2 para situar o aparcadoiro da Universidade a Distancia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres por valor de 221.585 euros proxecto de adecuación do edificio número 3 do Hotel Miño no que se instalarán os 14 empregados do Arquivo Provincial, que se creará ó abeiro do Plan Lugo Emprega, ademais dos 4 da Axencia Provincial da Enerxía e dos 10 da brigada de mantemento. Precisamente, hoxe mesmo, no Pazo de Feiras e Congresos, a partir das 17:00 horas, comezarase a desenvolver o proceso selectivo para os postos de traballo do Arquivo. Un total de 280 persoas optan a estes 14 empregos que ofrece plan de inserción laboral impulsado polo organismo provincial, e que se suman ós 4 traballadores que, na actualidade, prestan este servizo no Pazo de San Marcos.

Os novos contratados encargaranse de todas as tarefas correspondentes á dixitalización e catalogación da información. Deste xeito, incorporaranse 2 Licenciados en Xeografía, Humanidades e Documentación, posto para o que se presentaron 31 persoas; 2 operarios; praza á que optan outros 43 desempregados; e 8 auxiliares de Arquivo. Este é o posto que conta con máis aspirantes, un total de 206 persoas. A estes hai que sumarlles 2 auxiliares administrativos da cota de discapacitados, cuxas probas remataron esta semana.

Deste xeito, con este programa a Deputación, ademais de contribuír a reducir o desemprego na provincia, actúa nun ámbito que ó longo do tempo non tivo a atención que merece, non só como ferramenta administrativa, senón como medio de conservación da historia da institución e, por tanto, da provincia. A vindeira semana, os que superen o tipo test, realizarán a entrevista persoal. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Seongas, explicou que a nota final será o resultado da suma das dúas probas, “polo que na primeira quincena de maio o Arquivo comezará a funcionar no Hotel Miño”.

Para iso, a Deputación xa iniciou o traslado esta semana, xa que o actual non reúne as condicións necesarias ó presentar problemas de humidade, o que dificultaba a conservación do material das máis de 12.000 unidades de instalación entre os tres depósitos que ten o Arquivo actualmente, que se sitúan 2 no Pazo de San Marcos e 1 no INLUDES.

Asimesmo, Antonio Gato lembrou que o organismo provincial vén de rematar as probas para as 7 últimas prazas do Lugo Emprega correspondentes á cota de discapacitados, e para as que se presentaron 79 desempregados da provincia. En ambos os dous casos, os novos contratados prestarán o seu servizo durante 6 meses.

O Plan Lugo Emprega, co que a Deputación reduciu o número de parados na provincia -segundo os datos oficiais publicados e entidades como a CEL-, ó tempo que incrementou a cooperación cos Concellos, está dotado con 8 millóns de euros. Desta cantidade, 250.000 euros é a partida que se destina á contratación dos 7 discapacitados e dos traballadores do Arquivo.

Avances para o traslado da UNED

Dentro do obxectivo de seguir avanzando no traslado da UNED ó Hotel Miño, a Xunta de Goberno aprobou a demolición do bloque número 2 do Hotel Miño por valor de 89.000 euros, o que permitirá que quede unha superficie de 1.900 metros cadros onde se situará o aparcadoiro dos máis de 1.500 estudantes cos que conta na actualidade a Universidade a Distancia. A este respecto, Antonio Gato subliño que “esta era unha débeda histórica que saldou este equipo de goberno coa provincia. Agora os veciños e as veciñas da provincia xa non teñen que ir estudar fóra para cursar os seus estudos e Lugo deixou de ser a única capital de provincia sen este servizo. Deste xeito, ponse en valor o Hotel Miño, que foi adquirido polo organismo provincial en 1984, facéndoo útil á provincia, xa que nunca cumpriu os fins para os que foi comprado.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Deuse conta do decreto de presidencia polo cal se aproba a encomenda de xestión da Deputación a SUPLUSA para o investimento de 4.300.000 euros na construción das residencias da terceira idade e centros de día de Fonsagrada e Pobra de Brollón e para a adquisición de terreos en Monforte de Lemos para a instalación da factoría Paladar.

Antonio Gato lembrou que, precisamente, o Presidente asinou este mércores o convenio para a construción da infraestrutura da Montaña este mércores, a través do cal o organismo provincial inviste 2,1 millóns de euros nesta infraestrutura. No caso da de Pobra de Brollón o orzamento é de 1.200.000 euros, e da actuación levada a cabo para o desenvolvemento na cidade do Cabe de 1 millón. Esta última, permitirá dar traballo a 100 persoas no sur da provincia.

Asimesmo, deuse o visto e prace a 6 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010. Suman un total de 47.343 euros, dos que a Deputación achega 35.405. Pertencen ós Concellos de Palas de Rei (2), Láncara, O Páramo, Baralla e Pol. O equipo de goberno tamén aprobou o convenio co Concello de Sarria co obxecto de colaborar no financiamento dos gastos derivados da inclusión deste municipio como cabeceira da etapa na Volta Ciclista a España, na etapa número 13, que se desenvolverá o 2 de setembro. A cantidade que se outorga para a celebración deste evento é de 30.000 euros.