Deputación de Lugo

A Deputación desenvolve hoxe probas de selección para 37 postos de traballo do Plan Lugo Emprega e In Lugo

- Os aspirantes ós 7 empregos ofrecidos polo plan de inserción laboral que superen o exame tipo test que realizaron esta mañá pasarán á seguinte fase, consistente nunha entrevista que terá lugar o mércores - Na tarde de hoxe comezou tamén o proceso para seleccionar ós beneficiarios das 30 bolsas de emprego convocadas a través do Centro de Innovación Social, no que participan 129 desempregados

A Deputación de Lugo desenvolveu na xornada de hoxe diversas probas de selección para contratar a 37 persoas desempregadas a través do Plan Lugo Emprega e das becas convocadas polo Centro de Innovación Social In Lugo. Deste xeito, os 79 aspirantes ás 7 últimas prazas do plan de inserción laboral posto en marcha polo organismo provincial, correspondentes á cota de discapacitados, fixeron na mañá deste luns a primeira das probas de selección, consistente nun exame tipo test. Aqueles que o superen pasarán á seguinte fase, unha entrevista persoal, que terá lugar este mesmo mércores, a partir das 9:30 horas, no Salón Verde do Pazo de San Marcos.

Os contratados prestarán o seu servizo durante 6 meses nas dependencias provinciais e estarán traballando como moi tarde na primeira semana de maio. Ocuparán as seguintes prazas: 2 auxiliares administrativos, que traballarán no Pazo de San Marcos; 4 vixiantes-guía, que se incorporarán ó Museo Provincial; e 1 operario, que será destinado ó Pazo dos Deportes. Así mesmo, nos vindeiros días, iniciarase o proceso selectivo dos 14 persoas que se contratarán para a recuperación do Arquivo. Deste xeito, con este programa a Deputación tamén actuará nun ámbito que ó longo do tempo non tivo a atención que merece, non só como ferramenta administrativa, se non como medio de conservación da historia da institución e, por tanto, da provincia.

O Plan Lugo Emprega, co que a Deputación reduciu o número de parados na provincia -segundo os datos oficiais publicados e entidades como a CEL-, ó tempo que incrementou a cooperación cos Concellos, está dotado con 8 millóns de euros. Desta cantidade, 250.000 euros é a partida que se destina á contratación dos 7 discapacitados e dos traballadores do Arquivo.

Emprego en innovación

Polo que respecta ás 30 bolsas de emprego de In Lugo, esta tarde tivo lugar a última proba do proceso selectivo, consistente nunha entrevista persoal. Unha vez rematada esta fase, na que participaron 129 persoas, a Deputación resolverá as becas, remuneradas con 800 euros mensuais, que ofertan 6 meses de emprego en entidades sen ánimo de lucro, as cales desexan desenvolver novos proxectos tecnolóxicos para potenciar a súa actividade.

As primeiras bolsas de emprego no sector da innovación na provincia están impulsadas dende o 1º Centro de Innovación Social de Galicia. É o proxecto da Deputación, cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% mediante o Plan Avanza. Estas becas buscan dar emprego a lucenses que actualmente se atopan en paro, así como ofrecer un servizo, sen custe algún, a colectivos sen ánimo de lucro como o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL); Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE), de Empresarias de Lugo, e Empresarial de Industria de Transformación del Polígono do CEAO, Universidades de Santiago de Compostela: Aula TIC; e Universidade da Coruña: CITIC.