Deputación de Lugo

A Deputación activa a súa plataforma de comercio electrónico cunha oferta inicial de 100 produtos e servizos

A este paquete de artigos á venda iranse sumando nos próximos días os doutra vintena de empresas que teñen solicitado adherirse ó primeiro centro comercial virtual de toda a provincia. A capacidade de firmas e produtos é ilimitada Besteiro presentou nun acto con 60 empresarios a posta en marcha do servizo, ó que os compradores xa poden acceder entrando en www.losprodutosdelugo.com e adquirir alimentos, artesanía, moda e servizos de lecer, entre outrosO proxecto, dotado con 630.000 euros, contribuirá ó desenvolvemento da economía lucense “abrindo novos mercados nacionais e internacionais ás empresas, o que lles axudará a subir as vendas, e manter e incrementar empregos”, como destacou o Presidente Provincial

A Deputación de Lugo puxo en marcha este xoves a súa plataforma de comercio electrónico cunha oferta inicial de 16 empresas e 100 produtos e servizos, ós que se irán sumando de maneira progresiva nos próximos días outra vintena de firmas que xa teñen solicitada a súa adhesión e nestes intres están cumprimentando os trámites necesarios para facelo. O Presidente Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presentou a entrada en funcionamento do “ primeiro centro comercial virtual de toda a provincia” nun acto celebrado hoxe no salón de actos do Pazo de San Marcos ante a presenza de 60 empresarios lucenses. As firmas poden adherirse e empregar de forma totalmente gratuíta á plataforma, denominada Los Productos de Lugo e creada no marco do programa Innova-TE, cofinanciado nun 70% polos fondos europeos FEDER.

Con esta iniciativa, con 630.000 euros de orzamento, a institución provincial contribúe por medio das novas tecnoloxías ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción das empresas, “abríndolles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos, o que lles axudará a subir o volume de beneficios, e a manter e aumentar os empregos”, destacou Besteiro. As firmas terán deste xeito un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados tanto nacionais como internacionais as 24 horas do día os 365 días do ano. Ofrecerase así mesmo por vez primeira unha imaxe de marca dos produtos de Lugo de cara ó exterior, independentemente do provedor que os ofreza.

A tenda virtual ampliarase de xeito progresivo, non tendo límite de empresas nin produtos, polo que incrementará de xeito gradual a súa oferta. Deste xeito, o prazo para anotarse é ilimitado, pero hai que ter en conta que á hora da incorporación das empresas á plataforma, terase en conta a orde na que se teñan inscrito. As firmas interesadas en adherirse deben presentar no Rexistro Xeral da Deputación unha solicitude e a documentación necesaria, sobre a que teñen toda a información na web www.deputacionlugo.org

O proxecto inclúe a posta en marcha dunha pasarela de pagos telemáticos, habilitada a través dunha entidade financeira (Novacaixagalicia). Tamén dispón dunha empresa loxística (Seur) para a recollida e entrega dos produtos aos compradores.

Compra rápida e sinxela

Os usuarios poden acceder xa á plataforma entrando na dirección www.losproductosdelugo.com  onde se atopan cun catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer e mesmo instrumentos musicais, entre outros. O mecanismo para comprar é rápido e sinxelo: teñen que elixir os produtos desexados, incorporalos á cesta da compra pulsando sobre a imaxe do carriño da compra e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. Polo momento só é posible facelo con calquera tarxeta de crédito ou débito, pero en breve tamén se poderá facer no momento da entrega. Todas as transaccións se efectúan mediante unha conexión totalmente segura que garante a privacidade dos datos do comprador. Os usuarios teñen a posibilidade de rexistrarse como clientes, o que lles permitirá facer dun xeito máis sinxelo as futuras compras.

O comprador consulta un único catálogo de produtos, realiza un único pago e recibe unha única entrega dos mesmos, o que constitúe un modelo innovador no mercado on line. Na actualidade só se poden facer envíos nacionais, pero nas próximas semanas tamén poderán ser internacionais. O cliente, que non está obrigado a facer un pedido mínimo, recibirá o material adquirido nun mínimo de 48 horas, tendo a posibilidade de coñecer en calquera momento a situación dun pedido en curso ou consultar os realizados anteriormente. No caso de non quedar satisfeito, pode devolver calquera artigo nun prazo de 15 días hábiles dende a data de recepción.

Na plataforma –que hoxe se atopa en castelán e galego e nun breve período de tempo tamén estará en inglés- figura completa información sobre os produtos á venda –prezo, características e unha fotografía-, pero tamén das empresas provedoras, pois inclúese unha ficha de cada unha na que figura a súa páxina web, localización en Google Map e oferta de todos os seus produtos. Os prezos dos artigos á venda son iguais ou menores que na rúa e ofrecerase a posibilidade de obter códigos de desconto. As empresas que acadaron a marca Lugo Sabe creada pola Deputación para poñer en valor os produtos autóctonos contan cun acceso directo dentro do portal web, ó igual que a plataforma da Asociación de Mulleres Empresarias. Tamén hai un apartado específico cos produtos máis vendidos e outro de ofertas, xunto a unha sección con noticias sobre a propia plataforma e un blog.

Gran potencial de crecemento

En España o 17,4% da poboación, é dicir un de cada 5 cidadáns, merca a través da Rede, unha mostra da potencialidade do comercio electrónico, como o é o feito de que entre 2007 y 2010, a compra de produtos por internet subise en 4,4 puntos porcentuais, segundo un estudio da Escuela de Administración de Empresas (EAE), unha institución con máis de 50 anos de traxectoria que se adica á formación no ámbito empresarial. Ademais, está previsto que neste 2011 a venta on line medre un 19% en España, alcanzando unha facturación estimada de 9.400 millones de euros, segundo o informe Tendencias Online 2011 encargado pola empresa Kelkoo, un buscador de comercio electrónico presente en 10 países creado hai unha década que cataloga as ofertas de produtos e servizos e permite comparar en pouco tempo as melloras ofertas de miles de tendas on line.

Un exemplo da repercusión que pode ter a venda on line na actividade dunha empresa é Bicicletas Guillermo, unha firma monfortina que factura o 70% das vendas a través deste sistema.

Atención continua a clientes e empresas

A Deputación ofrece un servizo de atención ós clientes da plataforma de comercio electrónico, co número de teléfono 982.26.00.77 e a dirección de correo electrónico soporte@losproductosdelugo.com

Tamén pon a disposición das empresas adheridas un Centro de Atención ao Usuario (CAU), que as apoiará na realización das xestións de alta, modificación ou eliminación de produtos da tenda virtual. Para contactar pódese chamar ó 982.26.00.77, ou ben enviar un correo á ecomercioinnovate@deputacionlugo.org

Entrega de títulos de Lugo2

O Presidente da Deputación entregou por outra banda no acto celebrado este xoves en San Marcos os diplomas acreditativos ás 60 empresas que acadaron a marca de calidade Lugo2, creada pola Deputación de Lugo para poñer en valor e promocionar os establecementos de restauración e aloxamentos da provincia. Tratase dun recoñecemento da mesma índole co de Lugo Sabe, aínda que, en vez de estar destinado ás empresas de alimentación, é para negocios de hostalería e turísticos.