Deputación de Lugo

Deputación, Concello e Fundación Laboral da Construción profesionalizan o sector da rehabilitación en pedra natural

Besteiro, Orozco e Hipólito Trinidad asinan o convenio de colaboración a través do cal o organismo provincial achega 150.000 euros para a creación dun plan de formación especializada e cualificada na materiaCon esta actuación, dáse resposta a unha das grandes demandas que teñen as empresas da construción: a existencia de man de obra especializada neste sectorEsta é a 1ª vez que se impartirá en Lugo un módulo específico destas características, que permirá aumentar a competitividade e a produtividade das empresas coa incorporación do persoal cualificadoO Presidente e o rexedor municipal subscribiron o acordo para o acondicionamento dunha parcela en San Cibrao como futuro aparcamento gratuíto do Hospital Lucus Augusti

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, acompañados dos representantes dos Sindicatos, asinaron este venres o convenio de colaboración, que foi aprobado pola Xunta de Goberno, e a traves do cal o organismo provincial achega 150.000 euros para a creación dun plan de formación especializada e cualificada no sector da rehabilitación en pedra natural en Lugo. Deste xeito, as tres entidades satisfacen unha das grandes demandas das empresas da construción neste momentos: a existencia de man de obra especializada nesta materia. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “as políticas están cambiando. Agora xa non se constrúe tanto como hai uns anos, senón que se aposta máis pola rehabilitación. Este é un novo nicho de emprego por explorar, de tal xeito que con este convenio non só contribuímos a profesionalizar o sector senón que favorecemos a creación do emprego”.

Esta é a primeira vez que se imparte en Lugo un módulo específico no sector da rehabilitación en pedra natural, de tal xeito que permirá aumentar a competitividade e a produtividade das empresas coa incorporación dos persoal que se forme a través desta iniciativa, e poñer en valor o casco histórico da cidade. Na actualidade, en Lugo existen algo máis dunha decena de empresas especializadas no tratamento deste material, sendo a de Ingemarga, situada na localidade de Parga (Guitiriz), unha das máis grandes de España. Asimesmo, en toda a provincia só existe un taller no que se elaboran pedras artesanalmente, que é propiedade da Deputación e que se sitúa no polígono industrial de Begonte. Nestas instalacións, ademais de realizar traballos de rehabilitación, están homologadas para impartir formación dos módulos de Formación Profesional relacionados co sector.

Pola súa banda, a Fundación Laboral da Construción cederá as súas instalacións de Lugo para o desenvolvemento das accións formativas, e o Concello colaborará co asesoramento e concesión de permisos e licenzas necesarios, así como coa cesión dos espazos públicos que consideren oportunos para a realización das prácticas dos cursos.

A Fundación naceu no ano 1992 e ten por obxectivo o fomento da formación profesional, a mellora da seguridade e a súade no traballo, así como a profesionalización e dignificación do emprego no sector. Como entidade privada sen ánimo de lucro, xurde a partir do Convenio Xeral da Construción e por iniciativa das entidades máis representativas dos sector: Confederación Nacional da Construción e Federacións Estatais de Construción, Madeira e Afins de Comisións Obreiras e UXT. Durante o ano 2010, máis de 200.000 traballadores do sector da construción se formaron nalgún dos cursos impartidos por esta entidade en toda España.

Convenio para futuro aparcamento gratuíto no HULA

Gómez Besteiro e López Orozco tamén asinaron o convenio de colaboración para o acondicionamento dunha parcela de propiedade municipal en San Cibrao como futuro aparcamento gratuíto do Hospital Lucus Augusti, que tamén foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno provincial. Deste xeito, a Deputación achega 100.000 euros para acometer esta actuación nunha parcela de 25.000 metros cadrados que está situada na mesma entrada do centro sanitario, e que permitirá a creación de ata 1.000 prazas nas que se poderá estacionar de balde.

O organismo provincial e a entidade local impulsaron conxuntamente esta iniciativa logo da decisión adoptada pola Xunta de Galicia para que este servizo sexa privado e haxa que pagar por el. Esta decisión provocou unha avalancha de protestas por parte de usuarios e facultativos do hospital. A máis recente foi en marzo, cando o persoal do HULA denunciou publicamente que as prazas do aparcamento non son suficientes para todos os empregados do centro sanitario. Deste xeito, grazas ó acordo que subscribiron ambas as dúas administracións, os usuarios do hospital disporán dun novo lugar para o estacionamento sen ter que aboar os 7,10 euros por día fixados polo SERGAS polo uso do aparcadoiro subterráneo existente.

Avances para UNED e potenciación da cidade como centro de peregrinación
Tal e como estaba previsto, o organismo provincial tamén aprobou a licitación conxunta do proxecto e da obra da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que se situará no antigo Hotel Miño por valor de preto de 1,2 millóns de euros. Deste xeito, Deputación e Concello continúan cos trámites do traslado do centro educativo ás instalacións que a Deputación da Tolda, e hoxe ábrese o prazo para que as empresas interesadas na execución destes traballos presenten as súas ofertas. A obra quedará adxudicada en dous meses. Con estes traballos, financiados na súa totalidade polo organismo provincial, a Deputación aforrará o custe do aluguer no que se empraza na actualidade a sede actual da UNED. Asimesmo, deuse o visto e prace ó convenio asinado no día de onte polo Presidente e o Bispo lucense, Alfonso Carrasco Rouco, en virtude do cal o organismo provincial lle concede á Diocese unha axuda de 64.000 euros para potenciar a cidade como centro de peregrinación cristiá, así como á aprobación dos proxectos de pavimentación da Avenida da Coruña e da Ronda de Fingoi, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. Nestas dúas actuacións, o organismo provincial inviste 455.923 euros.