Deputación de Lugo

40 persoas darán esta fin de semana románticos paseos en batuxo e catamarán polo Miño co programa Ligoteando

Imaxe deputación de lugo
As actividades lúdico medioambientais organizadas pola Deputación no río continúan tamén este sábado e domingo con wakeboard, bolas acuáticas, sea scooter, paddle surf, circuítos en patín eléctrico e rutas pola ribeira, entre outras A programación en Lugo seguirá os días 27, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Para inscribirse hai que chamar ós números 982.12.00.64 ou 609.90.32.11

Corenta persoas están inscritas para gozar esta fin de semana de románticos paseos polo Miño a bordo de batuxo e catamarán co programa Ligoteando, unha modalidade das actividades lúdico medioambientais Lugoteando, organizado pola Deputación en colaboración co Concello lucense para potenciar o ocio ecolóxico e poñer en valor o río. Mañá venres arrancan os paseos en batuxo –unha velada de 30 minutos a bordo desta tradicional embarcación galega con degustación dun cóctel de produtos autóctonos- e o sábado celebrarase pola súa banda a segunda e última sesión das Noites Máxicas -un paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos-. En ámbolos dous casos as travesías comezarán ás 20:00 horas.

Polo demais, este sábado e domingo continuarán o resto de actividades de ocio ecolóxico de Lugoteando, con máis de 60 persoas anotadas. Haberá wakeboard, opción para a que unha fin de semana máis as prazas están xa cubertas; bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

Tras a fin de semana, haberá máis actividades no Miño os días 28 e 29 de maio e o 4 e o 5 de xuño. A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación. En canto a Ligoteando, continuará o 27 de maio e o 4 de xuño con Paseos Chill Out, unha travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel de produtos autóctonos que ten un prezo de 15 euros. Así mesmo, haberá outro paseo en batuxo o 28 de maio. A inscrición neste caso custa 10 euros.

A Mariña

Nesta segunda tempada de Lugoteando, como novidade, haberá actividades na Costa, que terán lugar en xuño: os días 11 e 12 Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas no horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Nestes tres Concellos mariñanos desenvolveranse as mesmas actividades que en Lugo, exceptuando Ligoteando e incluíndo a maiores a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas.

Inscrición

Os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben facelo na propia localización das actividades, antes de comezar, o que non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición poderase efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273 co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Pódese obter máis información en: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamando ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.