Deputación de Lugo

A Deputación iniciará a vindeira semana obras en Chantada por valor de 1,2 M€ coa que dá traballo a 35 persoas

Imaxe deputación de lugo
O luns comezarán os traballos de acondicionamento de 16 rúas neste municipio, financiados na súa totalidade polo organismo provincialA mediados da semana que vén iniciaranse as do auditorio de Chantada, incluídas dentro do canon e dotadas con máis de 900.000 euros Grazas á Deputación, o Concello poderá completar na súa totalidade esta infraestrutura tan demandada polos veciños, xa que na actualidade non existe ningún espazo con capacidade para acoller actos que superen as 150 persoas

A Deputación iniciará a vindeira semana obras en Chantada por valor de 1,2 millóns de euros coas que dá traballo a 35 persoas. En elas, destacan as do auditorio de Chantada para as que o organismo provincial destina máis de 900.000 euros. A institución que preside José Ramón Gómez Besteiro acomete esta actuación dentro do plan do canon hidroeléctrico, segundo o cal este municipio percibiu en tan só tres anos preto de 5 millóns de euros.

Deste xeito, a Deputación dota ós veciños dunha infraestrutura moi demandada por eles, xa que na actualidade non existe ningún espazo con capacidade suficiente para acoller actos con máis de 150 asistentes, ó tempo que salda unha débeda histórica que arrastraba a institución provincial co municipio dende hai case dúas décadas. Co pagamento do canon, o organismo provincial tamén contribúe a recuperar a estabilidade presupostaria do Concello.

A nova dotación, que terá cabida para unhas 400 persoas, xa está en marcha dende hai uns meses grazas ós fondos do Plan E. Neste senso, coa aportación da Deputación e do Goberno Central, o Concello poderá completar na súa totalidade esta infraestrutura, que se emprazará no edificio de servizos múltiples.

O auditorio forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreo nos que ata 2009 estivo a casa consistorial. Nunha primeira fase, tamén con fondos do Estado, construíuse un bloque no que hoxe se localiza a Casa da Música e se sitúan as aulas nas que se imparten os cursos do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego, co que a Deputación favorece a inserción laboral de 576 desempregado da provincia, ademais de oficinas de servizos como o Centro de Información á Muller.

Máis obras que comezan en Chantada

Asimesmo, o luns, 16 de maio, tamén comezarán novas obras coas que o organismo provincial mellorará a calidade dos veciños, xa que dotarán de servizos mínimos e necesarios a varias zonas do núcleo urbano chantadino. Á execución destas actuacións, financiadas tamén con fondos propios, destínanse preto de 295.000 euros.

En total, acondicionaranse 16 rúas: Taboada, Ribeira Sacra, Santa María, da Barexela, Luis Campos, Julio Camba, Juan XXIII, Pardo Bazán, Concepción Arenal e prolongación, Luis Soto Lemos, Rosalía de Castro, Doctor Feleming, as avenidas de Lugo e Os Pilos, e os accesos ás piscinas.