Deputación de Lugo

Máis de 20.700 persoas visitaron as aulas da natureza da Deputación no que vai de ano

Os centros de divulgación abertos en Guitiriz, A Fonsagrada e O Courel rexistraron 3.325 persoas, mentres que nas actividades desenvolvidas polas catro aulas móbiles participaron 17.423 persoas O organismo provincial puxo en marcha esta iniciativa para difundir e poñer en valor as reservas da biosfera da provincia (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel

As sete aulas de interpretación da natureza que a Deputación puxo en marcha no marco do proxecto Lug02 co obxectivo de poñer en valor e difundir a riqueza medioambiental das reservas da biosfera da provincia (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel, rexistraron máis de 20.700 visitantes no que vai deste ano 2011.

Os centros postos en marcha en Guitiriz (na Casa da Barxa), A Fonsagrada (situada en Paradanova) e no Courel (na Estación Científica da USC en Seoane) tiveron 3.325 visitantes, mentres que nas actividades das catro aulas móbiles do organismo provincial, que desenvolven actividades itinerantes de formación e divulgación por todos os concellos da provincia, participaron 17.423 persoas. Con respecto a estas últimas, a máis destacada é o Barco Muralla de Lugo que nestes cinco primeiros meses do ano estivo en 12 municipios, e recibiu 8.593 visitas.

Estas sete aulas configúranse como centros de información, educación e sensibilización medioambiental ó servizo dos cidadáns, tanto nenos, como maiores, que ofrecen a todos os visitantes diverso material que pon en valor a riqueza medioambiental da provincia. A iniciativa forma parte do programa Lug02, financiado nun 70% por fondos europeos e co que a Deputación fixo unha forte aposta para demostrar que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia de Lugo.

Calendario das aulas móbiles

As aulas móbiles continúan na última semana de maio coa súa actividade. A adicada á Terra Cha estará na capital lucense os días 23 e 30; en Muras e en Rábade, o 24; en Outeiro de Rei, o 25; en Begonte, o 26 e, en Cospeito, o día 31.

O calendario da aula sobre a comarca da Montaña inclúe paradas en Folgoso do Courel o 23; en Becerreá, o 24; en Cervantes, o 25; en Baralla, o 26; en Navia de Suarna, o 27; no Páramo, o 28; no Corgo, o 29; en Castroverde e Castro de Rei, o 30, e nos concellos de Baleira e Negueira de Muñiz, o 31.

En canto á programación da aula da Mariña, para o 23 están previstas actividades na Pontenova; o 24, en Riotorto; o 25, en Trabada; o 30, en Ribadeo, e o 31, en Vilalba.