Deputación de Lugo

A Deputación inviste máis de 200.000 euros do canon na ampliación da Casa Consistorial de Ribas do Sil

As obras permitirán ós veciños dispor en 4 meses dun Salón de Actos, ata o de agora inexistente, con capacidade para 100 persoas e un espazo para actividades socioculturais A institución executou obras por valor de 7,4 millón de euros saldando a débeda do canon en 11 Concellos, e ultima as derradeiras actuacións para facelo nos 4 municipios restantes

A Xunta de Goberno deste vernes aprobou a contratación da obra de ampliación da Casa Consistorial de Ribas do Sil por valor de 233.420 euros, e un prazo de execución de 4 meses. Este Concello conta xa coa estrutura dun novo edificio, situado á carón das dependencias locais, e distribuído en dúas prantas e un soto. Coa achega do organismo provincial, remataránse as actuacións mediante a instalación dos servizos básicos de luz, agua e calefacción, e a adquirirase o equipamento necesario.

O voceiro do Goberno provincial, Antonio Gato Soengas, destacou que Ribas do Sil contará entón, cunhas novas instalacións onde, na pranta alta se afincarán as oficinas xerais, e na baixa un salón de actos ata o de agora inexistente. Terá capacidade para 100 persoas e ofrecerá un amplo espazo para levar a cabo numerosos actos culturais e sociais. Gato Soengas subliñou que se “creamos un servizo público digno para que os nosos veciños sexan atendidos con toda eficacia”.

Con esta actuación, a Deputación executa ou leva executado un total de 118 obras por valor de 7,4 millóns de euros nos 16 municipios afectados polo canon. “Estas foron os únicos investimentos públicos nos últimos 3 anos en moitos municipios da provincia”, destacou.

En 11 Concellos, concretamente no Saviñao, Taboada, Pantón, Quiroga, Sober, Pobra do Brollón, Portomarín, Guntín, Carballedo, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, o 100% dos traballos do canon acordados cos Alcaldes están finalizados ou a piques de facelo. O Deputado avanzou que agora, estanse a pechar cos Rexedores de Paradela, Páramo, Ribas do Sil, Monforte de Lemos e Chantada as derradeiras actuacións por valor de 3,6 millóns de euros que, xunto cos 7,4 millóns investidos, supoñen un total de 11 millóns. Este é o presuposto acordado que pon fin á débeda histórica do canon que acarreaba dende hai décadas a institución luguesa cos municipios lucenses con produción hidroeléctrica.

Outros acordos

Na sesión de hoxe, tamén se acordou a conta xustificativa da obra do Plan de Comunidades Veciñais “Mellora do acceso á igrexa e ó cemiterio de Vilabol de Suarna”, na Fonsagrada, por valor de 12.000 euros. Da mesma forma, a Xunta de Goberno tamén aprobou por unanimidade persoarse no recurso contencioso administrativo interposto pola aseguradora “Mapfre Seguros Generales” logo dun sinistro provocado por un corzo na CP-2301 (de Guitiriz a Villares) que, segundo mantén, causou danos materiais de 954 euros. Ademais, a Deputación tamén se persoa noutro recurso, neste caso presentado por un particular, referente á expropiación dunha finca para acometer a obra de acondicionamento na CP-5101 “acceso ó parque empresarial de Friol e enlace coa LU-232 e a CP-1611”.