Deputación de Lugo

Besteiro garante a continuidade do exitoso programa medioambiental Km0 con novos fondos europeos

Máis de 27.000 veciños redescubriron a provincia coas rutas da Deputación dende a súa posta en marcha, no 2008. A nova fase cubrirá a demanda das 5.000 persoas que hoxe están en lista de espera, en moitos casos para actividades de pagoA iniciativa permitiu que algúns lucenses visen por primeira vez o mar, atraeu a todo tipo de públicos e colectivos, deu pé á constitución de varias empresas como a das redeiras de Burela e ata fixo xurdir o amor entre dous lucensesA Mariña e a Ribeira Sacra son os destinos máis demandados neste proxecto pioneiro en España, co que se se manteñen 3.000 postos de traballo directos e indirectos e que iniciará unha nova tempada o próximo mes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, garantiu este mércores a continuidade do programa medioambiental Km0, posto en marcha hai tres anos pola institución que dirixe co obxectivo de que a provincia deixe de ser unha gran descoñecida para os propios lucenses, e crear riqueza e emprego. Para elo, o organismo provincial ten solicitado axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que a UE resolverá precisamente neste mes de maio.

As cifras de participación nesta iniciativa pioneira en España non deixan dúbidas sobre a extraordinaria acollida que tivo entre os lucenses: máis de 27.000 persoas dende a súa posta en marcha (10.900 na tempada 2009; 10.300, na 2010, e 5.897 no que vai da de 2011), superando con amplitude as previsións iniciais. Tamén pon de manifesto a súa repercusión social e que se trata dun programa totalmente consolidado o feito de que a día de hoxe estean anotadas unhas 5.000 persoas duns 400 colectivos en lista de espera, en moitos casos para participar en actividades de pago. Besteiro adiantou que a seguinte fase do programa de rutas, a cuarta, comezará o próximo mes, co que se dará resposta a esta gran demanda.

Máis alá dos datos, o rotundo éxito de Km0 queda plasmado tamén nas experiencias particulares que viviron os participantes. Deste xeito, houbo algúns lucenses que viron por primeira vez o mar ou determinadas zonas da montaña, como O Piornedo, grazas a estas visitas, que foron solicitadas por todo tipo de colectivos e veciños, mesmo por un grupo de monxas, que, non por viaxar, deixaron de cumprir coas súas obrigas e costumes relixiosos.

Contra o illamento

Tamén atraeu o interese dunha grande cantidade de persoas maiores, que mesmo se animaron a tomar parte na modalidade Km0 Xtreme e facer unha ruta en helicóptero, como foi o caso dunha anciá de 90 anos. En canto ó colectivo da terceira idade, o proxecto da Deputación cumpriu unha importante labor para favorecer o envellecemento activo e evitar o illamento dos anciáns. De feito, houbo moitos maiores participantes que recoñeceron que as saídas de Km0 foron as únicas ou unhas das poucas que fixeron a fóra do seu pobo ó longo de toda a súa vida. Tamén deron lugar a unha historia de amor entre dous lucenses, que se coñeceron durante unha ruta e hoxe están vivindo xuntos.

Por outra banda, a afluencia de visitantes xerada polo proxecto de rutas deu pé á constitución de varias empresas, como a das redeiras de Burela.

Os destinos máis solicitados ó longo destes tres anos de traxectoria foron A Mariña e a Ribeira Sacra, que recibiron un total 6.000 e 10.000 visitantes, respectivamente. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; o eucaliptal de Chavín, en Viveiro; os canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa de A Cova, en O Saviñao; ou o miradoiro do Cabo do Mundo, foron algúns dos lugares que máis sorprenderon e gustaron dentro desas dúas comarcas, xunto a outros do resto da provincia, como, por exemplo, os torrentes do Ulla, o mosteiro de Samos, as ruínas de Caldaloba, o Museo Arqueolóxico de Vilalba ou os paisaxes de Negueira de Muñiz.

Revulsivo económico

A iniciativa supuxo así mesmo un importante revulsivo para a economía da provincia, principalmente beneficiosa para o sector hostaleiro, o comercial e o turístico en xeral, que certifica que o medio ambiente e as Reservas da Biosfera poden ser unha oportunidade económica para Lugo. O programa contribúe a manter 3.000 postos de traballo, directos e indirectos, pois os participantes comen sempre en restaurantes da provincia, ademais de degustar produtos autóctonos, e visitar empresas como conserveiras, queixerías e adegas, así como museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico.

O plan abriu ademais as portas da Deputación ós veciños da provincia, permitíndolles coñecer a sede do organismo provincial, para que serve a institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.

As rutas desta semana

Para esta semana están previstas catro saídas polas comarcas da Terra Chá, A Mariña e A Montaña, e por Lugo cidade. Na xornada de hoxe, un grupo de 55 persoas fixo a ruta “Torre de Andrade”, solicitada pola Concellería de Servizos Xerais de Lugo e que consistiu nunha visita á olería de Bonxe e ó seguidor solar, unha comida no restaurante “Montero” de Vilalba, un paseo pola área recreativa da capital chairega, e paradas na Torre de Andrade, o Museo Arqueolóxico, unha queixería de San Simón e na Charca de Alligal. Por outra banda, 48 integrantes da Asociación Veciñal O Piñeiro de Tuiriz, en Pantón, coñeceron as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comeron nos restaurante “Area Grande” de O Vicedo e visitaron Estaca de Bares e o porto e a praia de Arealonga.

Mañá xoves, 48 membros da Asociación As Calzadas do Buriz de Guitiriz estará no CENTRAD, comerán no hostal “Piornedo”, achegaranse á palloza desta aldea de Cervantes e darán un paseo polo pobo para visitar finalmente a igrexa de Donís. Ademais, 48 alumnos do IES de Monterroso coñecerán Santa Eulalia de Bóveda, darán un paseo polo Rato e pola Muralla de Lugo e visitarán o Centro de Interpretación, a Catedral e As Termas. A comida terá lugar no restaurante “Os Robles”.