A Unión Europea premia a xestión da Deputación de Lugo coa concesión de proxectos que suman 25 millóns de euros
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_5395_1.jpg)
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres que o Ministerio de Política Territorial publica no Boletín Oficial do Estado a concesión de tres proxectos que suman 25 millóns de euros e que foron solicitados polo organismo provincial dentro da convocatoria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo. Gómez Besteiro subliñou que é unha concesión con nota porque conseguimos o 90% do importe total que presentamos. En marzo concurrimos á estas axudas e hoxe, tan só nove días dende a toma de posesión e un día despois de presentar o organigrama de goberno, temos que dar a primeira boa noticia deste mandato: a UE premiou o traballo realizado pola Deputación, revalidando a confianza que xa nos demostrara hai tres anos, e apoiou os novos proxectos que presentamos.
Dos 25 millóns de euros, a Unión Europea aportará o 70% no caso dos dous programas FEDER e o 80% no único do Fondo Social Europeo. É dicir, destinará á Deputación 18 millóns de euros e o organismo provincial aportará 7 millóns máis. O máximo mandatario provincial destacou que a concesión, xunto co seu importe, é un éxito rotundo e indiscutible na xestión deste equipo de goberno. Se hai catro anos conseguimos o 15% dos fondos que viñan para Galicia, este ano duplicamos esa porcentaxe e captamos o 30% de todos os fondos na autonomía. Ademais, somos a única Deputación que Galicia que consegue o apoio de Europa para todos os proxectos presentados, sen ningunha exclusión, a diferenza do que ocorreu nas administracións provinciais de Pontevedra, Coruña e Ourense. No primeiro caso, dous dos programas presentados resultaron eliminados e, as outras dúas non contaron aínda co respaldo da Unión Europea.
Éxito e obxectivos dos proxectos
A reorientación das políticas provinciais xa permitira que o equipo de goberno captase máis de 20 millóns de euros hai tres anos. Cos fondos xestionados no anterior mandato a Deputación superou todas as auditorías con nota, sen ningún tipo de reparo por parte da Unión Europea, executando o 100% dos proxectos nos prazos marcados e poñendo en marcha programas tan coñecidos e que beneficiaron á economía provincial como poden ser: Km0 -do que dependen 3.000 postos de traballos directos e indirectos-, a plataforma de comercio electrónico LosprocdutosdeLugo.com, o acondicionamento das rutas de sendeirismo, a wifi da praza de San Marcos, etc, explicou o Presidente. Esta xestión eficaz foi decisiva para revalidar a confianza da Unión Europea.
Os anteriores fondos europeos tiñan tres liñas de traballo: crear novos empregos como os chamados empregos brancos vinculados á área sociosanitaria, facer do medio ambiente unha oportunidade económica para Lugo e implantar a administración electrónica. Ademais de profundizar nestas liñas, os novos programas estarán destinados a: conseguir a estabilidade demográfica no rural, crear novos postos de traballo na provincia e potenciar a Economía Sostible. Os programas concedidos hoxe son os seguintes:
1.- Pacto polo Emprego II. Orzamento total: 3.571.526 euros. É o proxecto que conseguiu máis fondos en Galicia dos subvencionados polo Fondo Social Europeo. Creará traballo nos novos nichos de emprego; duplicará a formación remunerada que a Deputación presta na actualidade, ampliando as prazas de 576 participantes actuais a 1.200; e facilitará que os beneficiarios poidan obter o Certificado de Profesionalidade, que é imprescindible para moitas profesións.
2.- Segunda parte de LugO2. Dotado con 6.582.544 euros. A primeira parte limitábase a facer rendibles e actuar nas Reservas da Biosfera, pero co novo proxecto o programa estenderase a toda a provincia. Inclúe actuacións como: comercialización dos produtos autóctonos, agricultura e a gandeiría ecolóxica; aforro enerxético nos Concellos; unha nova edición do programa Km0, no que xa participaron 25.000 persoas.
3.-Innova-TE 2: O programa de administración electrónica considerado un exemplo non só en Galicia senón no Estado, conseguiu o terceiro financiamento máis importante de España: 14.737.371 euros. Inclúe actuacións como: ampliar ata 257 os trámites que os cidadáns poderán realizar cos Concellos e coa Deputación, converténdose nun referente en España na administración sen papeis; potenciar as actividades innovadoras de benestar social que melloran a calidade de vida da 3ª idade que na actualidade ofrece o centro In Lugo (na segunda planta da Escola de Imaxe e Son); seguir estendendo a banda longa na provincia, a pesar de que non é a nosa competencia directa, etc, explicou o Presidente.
Departamento de fondos europeos
Besteiro concluiu que moitas veces se cuestionaba o papel dos asesores políticos. Na Deputación de Lugo moitos deles foron clave para conseguir estes fondos. No anterior mandato, o Presidente creou e dirixiu o departamento de fondos europeos, que nunca existira na Deputación, co fin de aproveitar as últimas oportunidades que había para conseguir fondos e preparar esta convocatoria.