Deputación de Lugo

A Deputación pon fin hoxe ás actividades do LudoTic nas que 210 nenos cubriron o total das prazas

Tendo en conta o éxito e a demanda desta programación, o In Lugo celebrará en setembro por 1º vez durante as fins de semana novos obradoiros para nenos de entre 6 a 15 anosA maiores, o vindeiro mes tamén se organizarán outras 23 actividades formativas para un total de 345 persoas de todas as idades –maiores de 16, de 45 ou 65 anos- e colectivos específicos como agricultores, gandeiros ou autónomosO prazo de inscrición para todos os cursos, que ademais son totalmente gratuítos, está aberto no 982-22-51-86 ou en inlugo@deputacionlugo.org.

A Deputación puxo fin este xoves ó LudoTIC. É a novidosa programación para nenos impulsada dende o In Lugo -o 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha polo organismo provincial mediante o cofinaciamento nun 88,9% do Plan Avanza- que se desenvolveu dende o 27 de xuño e ata hoxe. O éxito desta iniciativa foi tal que días despois da súa presentación, concretamente a 15 de xullo, estaban xa cubertas o 100% das prazas dispoñibles. 210 cativos puideron participaron de xeito totalmente gratuíto nas actividades divulgativas sobre as novas tecnoloxías.

Os últimos 10 nenos de entre 6 e 10 anos que se sumaron ó LudoTic protagonizaron hoxe mesmo un campionato de xogos tradicionais e de última xeración que se desenvolveu nas instalacións do propio Centro, situado na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital, concretamente no segundo andar da Escola de Imaxe e Son do organismo provincial.

No mesmo espazo, tiveron lugar ó longo do verán os restantes 3 obradoiros que incluíu esta programación: “Tarxetas de felicitación”, que consistiu na realización de tarxetas de felicitación personalizadas a través de internet e do procesador de textos; “Aprendemos xogando”, que achegou as novas tecnoloxías mediante unha plataforma de baile, cámaras web, bolígrafos dixitais, libros electrónico ou papel transfer (papel empregado para imprimir debuxos en prendas de roupa); e “Mañás de verán”, onde os rapaces coñeceron xogos tradicionais e dixitais, ó tempo que aprenderon a traballar en equipo.

Segundo as enquisas realizadas sobre o LudoTIC ós propios participantes e familiares dos mesmos, o grado de satisfacción é alto, coincidindo que as principais vantaxes desta programación son a conciliación laboral e familiar durante o verán, así como a formación gratuíta. Ó respecto das posibles modificacións que se deberían realizar, os enquistados salientan a necesidade de incrementar tanto o número de prazas como o horario das actividades. (Os cursos desenvolvéronse de luns a xoves, dende ás 10:00 ás 14:00 horas, e a súa cota foi de 10 nenos por xornada co fin de garantir a atención personalizada por parte dos monitores)

Cursos para nenos as fins de semana

A Deputación elaborou a programación do In Lugo para setembro, respostando a ditas peticións. Por primeira vez, o Centro celebrará actividades para nenos durante as fins de semana. Será un total de 4 cursos, unha por cada fin de semana. O número posible de participantes increméntase, chegando ós 15 alumnos en 3 dos 4 obradoiros. O intervalo das idades dos beneficiados tamén é máis amplo, pasando de nenos de entre 6 a 10 anos a de entre 6 a 15 anos. Ademais, tamén se incorpora unha xornada para cativos que sufran discapacidade psíquica. Neste caso, a cota de prazas é de 8 e non de 15. Haberá por tanto, un total de 53 localidades dispoñibles para os seguintes cursos: “Seguridade en Internet” (10 a 15 anos); “Crea o teu propio horario escolar” (6 a 12 anos); “Educación vial e civismo” (8 a 14 anos); e “Curso de papel adaptado” (nenos con discapacidade).

Outras 23 xornadas para todas as idades

Co obxectivo de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns para mellorar a súa calidade de vida, a programación do vindeiro mes inclúe a maiores outras 23 accións formativas con prazas para 345 persoas de todas as idades. Deste xeito, hai xornadas específicas para maiores de 16, de 45 e 65 anos, ou para colectivos como agricultores, gandeiros ou autónomos. Terán lugar en horario de mañá ou de tarde, adaptándose ás necesidades dos participantes. O seu lugar de celebración será o In Lugo no caso de 20 cursos, mentres ós restantes levaranse a Becerreá e á parroquia vilalbesa de Mourence, tal e como solicitaron colectivos veciñais de ditos municipios.

Non é a primeira vez que o Centro descentraliza das instalacións da capital a programación, achegándoa a distintas localidades da provincia onde existen colectivos que a demanda e que presentan dificultades para desprazarse. Por exemplo, a Asociación de Mulleres do Rural de Xermar ou a de Veciños de San Martiño de Vilelos xa beneficiadas. Ata o de agora, o In Lugo levou actividades a parroquias de Vilalba, da Fonsagrada, Chantada, Cospeito, O Saviñao, Palas de Rei e Escairón.

Os 23 cursos son moi variados: “Iniciación á Informática”, “Writter”, “Redes Sociais”, “Impress”, “Fotografía Reflex”, “Introdución á software libre”, “Correo electrónico e buscadores”, “Calc”, “Xestión de Datos”, “Móbil I”, “Móbil II”, “Crea o teu Blog”, “Fotografía Dixital”, “Video Dixital”, “SIXPAC”, “Lembranza fotográfica”, “Prevención de risco domésticos”, “Políticas de Igualdade”, “Axudas e Subvencións”, “Búsqueda activa de emprego” ou “Alfabetización informática”. Para máis información ó respecto, só compre entrar na páxina web www.inlugo.deputacionlugo.org e acceder ó apartado “programación no centro”.

Aberto o prazo de inscrición

O organismo provincial xa ten aberto o prazo de inscrición para todas as actividades que son ademais, totalmente gratuítas. Para solicitar unha praza en calquera dos cursos para setembro, só e preciso chamar ó 982-22-51-86 ou enviar un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org.