Deputación de Lugo

A Deputación é dende hoxe propietaria do 73% dos terreos para PACADAR

Gómez Besteiro asina as escrituras do 31% dos terreos necesarios, e adianta que o 27% restante adquiriranse de xeito inmediato xa que hai opcións de compraAs xestións da institución permitirán que PACADAR sitúe a súa 7º factoría en Monforte, dando traballo directo a 100 lucenses, e facendo fronte a perda de poboación xa que a zona sur lucense foi, cun 10,3%, a que máis sufríu a sangría demográfica en 2010Xunto á creación de emprego e a loita contra o despoboamento demográfico, outros dos compromisos do novo Goberno provincial coa zona sur de Lugo son: despregar a rede de residencias, o 100% da cobertura contraincendios, o recoñecemento oficial do Camiño Sur, estender a banda longa, impulsar o centro asociado da UNED ou instar á posta en marcha da autovía Lugo-Ourense

Unha semana despois da posta en marcha do novo Goberno provincial, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ratifica o seu compromiso de crear emprego e frear o despoboamento demográfico, visitando Monforte de Lemos e axilizando os trámites para que PACADAR sitúe a súa nova factoría no polígono monfortino do Reboredo. Este xoves e ante notario, Besteiro e 28 veciños da zona asinaron as escrituras que converten á institución na propietaria doutros 40.546 m2 correspondentes a 8 parcelas de dita área industrial. Este espazo, que representa o 31,5% dos terreos, engádese ós máis de 51.000 m2 adquiridos en maio (o 42%), logrando que a Deputación dispoña dende hoxe do 73% dos 130.000 m2 necesarios para a entidade de prefabricados de formigón. O Presidente avanzou que o 27% restante adquiriranse nos vindeiros días xa que hai opcións de compra. Isto suporá que, de xeito inmediato, a institución provincial completará o proceso de adquisición, permitindo que, en ano é medio, PACADAR inicie as obras de construción.

Coa sinatura das novas escrituras, o Goberno provincial refrenda o seu primeiro compromiso e máxima prioridade: cooperar cos Concellos, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico. Besteiro salientou que a provincia de Lugo encabezou o retroceso demográfico de 2010 en Galicia, ó perder case 3.000 habitantes, e destacou que a zona sur foi a máis prexudicada ó sufrir un retroceso do 10,3%. Ante esta sangría demográfica, o Presidente subliñou que “a Deputación non se conforma cunha provincia sen xente. Por iso, neste mandato a estabilidade demográfica estará presente en toda canta acción de cooperación cos Concellos e creación de emprego realicemos. Díxeno antes das eleccións municipais e voltoo a dicir agora, este proceso non ten volta atrás, PACADAR situará a súa 7º factoría en Monforte”.

O acordo que a institución acadou con PACADAR supón a maior operación de xeración de emprego levada a cabo na zona de Lemos nos últimos 25 anos. A posta en marcha da factoría monfortina suporá a contratación de 100 persoas, todas elas, segundo o marcado pola institución provincial, serán de Lugo, prevalecendo a zona Sur. A maiores, tamén se crearán novos postos de traballo indirectos tales como transportistas xa que a infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León, e no norte de Portugal.

Na actualidade, PACADAR posúe 6 fábricas, as de maior lonxitude na industria española e cos parques de almacenamento máis extensos, que se atopan estratexicamente afincadas en Madrid, Barcelona, Valencia, Toledo e Sevilla. Afincar a súa nova factoría na provincia lucense é posible grazas ás xestións levadas a cabo polo o organismo provincial e, fundamentalmente, polo prezo na venda dos terreos á entidade de prefabricados de formigón onde non hai beneficio algún para as arcas da institución.

Seguintes pasos

Rematada a adquisición dos terreos, o seguinte paso será converter o solo rústico en urbano. A axilidade deste trámite dependerá da Xunta e o Concello de Monforte, administracións que deben aportar as licenzas correspondentes. A continuación, o organismo provincial, mediante SUPLUSA, redactará o proxecto para iniciar a súa execución o vindeiro ano. Finalmente, tal como establece o convenio asinado entre Deputación e PACADAR, venderanse os terreos á entidade de prefabricados de formigón a 12 euros/m2. Trátase dun prezo competitivo, que representa a suma dos custes de adquisición e urbanización, facendo que o beneficio para a Deputación sexa cero.

PACADAR é unha firma decana no mundo da fabricación de pezas de formigón, que leva máis de 50 anos ó servizo de todos os sectores da construción. Dende a súa constitución en 1944, proxecta e prefabrica as pezas máis difíciles e complexas de formigón tanto para obra civil como para edificación no país. Foi pioneira en España na realización de vigas pretensadas, de taboleiros con vigas prefabricadas para a construción da Ponte de Anoeta, ou do edificio en altura con núcleos ríxidos. Ademais, tamén foi a primeira entidade en elaborar no país un programa de naves industriais prefabricadas, e outros de pasarelas peonís tamén con vigas prefabricadas.

Compromisos co sur da provincia

Xunto á creación de emprego, a loita contra o despoboamento demográfico ou a xeración de novas oportunidades económicas que supón afincar a factoría de dita empresa considerada líder en España, os compromisos coa zona sur da provincia durante este segundo mandato progresista na Deputación son:

Despregar a rede de residencias e centros de día para a terceira idade logo de iniciar o proceso de construción das de Ribas do Sil, O Saviñao e Pobra de Brollón; lograr o 100% da cobertura contraincendios despois da posta en marcha do parque de bombeiros de Chantada e garantir a integración das instalacións monfortinas ó Consorcio na vindeira reunión do organismo que xa demandou a institución provincial ó Goberno galego antes do 22 de maio; estender a banda ancha en colaboración coa Xunta, administración responsable da competencia, tras completar a dotación deste servizo nas Casas Consistoriais e culminar a implantación da e-administración; impulsar a Universidade Nacional a Distancia así como o co-financiamento do centro da UNED en Monforte; lograr a declaración oficial do Camiño de Inverno logo de conseguir que o Executivo autonómico o incluíse na páxina oficial do Xacobeo, de poñelo en valor mediante o 1º libro que recolle todas as rutas de peregrinación da provincia ou incluílo en Km0 a Compostela, a 1º programación previa e estable ó Ano Santo posta en marcha por unha institución; instar ás Administracións competentes a completar o mapa de estradas coa autovía Lugo-Ourense; así como captar novos fondos europeos dirixidos a potenciar a estabilidade demográfica e a crear novos postos de traballo e oportunidades económicas mediante o medio ambiente.